Relatos referidos aos concellos de Camariñas, Betanzos e Pontedeume gañan o certame #hoxeescriboen 2022
O primeiro premio recaeu en Alba Sánchez Ares cun relato referido a Camariñas, o segundo en Isabel María Bernal Gándara cun traballo referido a Betanzos, e o terceiro en Alba Alonso López cun relato referido a Pontedeume
As tres premiadas recolleron esta mañá os seus galardóns nun acto na Biblioteca provincial, no que tamén se presentou o libro que recolle todos os traballos presentados a este certame durante as edicións 2021 e 2022
As tres gañadoras do certame #hoxeescriboen do ano 2022 recolleron esta mañá na Biblioteca provincial os seus respectivos galardóns. Trátase de Alba Sánchez Ares, gañadora do primeiro premio polo relato 'Balea Negra' referido ao Concello de Camariñas; de Isabel María Bernal Gándara, gañadora do segundo premio, polo relato 'A Dama de Castro de Betanzos' referido ao Concello de Betanzos; e de Alba Alonso López, gañadora do terceiro premio, polo relato "Escuridade" referido ao Concello de Pontedeume.
No mesmo acto de entrega de premios, tamén se presentou o volume 'Hoxe escribo en' que recolle todos os relatos presentados durante as edicións 2021 e 2022. Na presentación participaron a directora da Biblioteca provincial, Carme Ferreiro, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, a técnica de xestión de proxectos de Turismo, Paula Cabado, e o ilustrador do libro, Xosé Cobas.
Convén lembrar que o certame #hoxeescriboen está convocado pola área de Turismo en colaboración coa Biblioteca provincial e premia as persoas gañadoras con estadías en establecementos rurais da provincia e lotes de produtos representativos de selos de calidade e sustentabilidade (nesta edición, da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo).
O obxectivo da convocatoria é o de premiar a creatividade e promocionar os recursos turísticos dos concellos da provincia da Coruña. Para participar era preciso redactar un relato e xuntar unha fotografía, ambientados ou referido a un concello en particular e que podía estar relacionado coa historia local, cunha lenda, cunha tradición, cun persoeiro destacado ou mesmo cos recursos naturais, culturais ou medioambientais do territorio que convide a animar a visitalo.