A Deputación lidera un proxecto de 865.000 euros para renovar espazos públicos e fortalecer a actividade comercial en Betanzos, Pontedeume e Valdoviño
Valentín González Formoso, acompañado dos rexedores dos tres municipios, presentou hoxe esta iniciativa de cooperación intermunicipal
O proxecto, financiado con fondos europeos, permitirá realizar obras en espazos públicos relevantes dos municipios como o parque urbano Pablo Iglesias (Betanzos), o Paseo de Raxoi (Pontedeume) ou o paseo da Praia da Frouxeira (Valdoviño)
Formoso destacou a importancia que están a ter o Plan de recuperación na dinamización económica da provincia e "o bo traballo que se está a facer no centro de xestión de fondos 'Next Generation'" da Capela
Os rexedores destacaron que, "polas bases desta convocatoria non sería posible obter a subvención sen que a proposta estivese liderada pola Deputación"
A Deputación da Coruña impulsa un proxecto de cooperación intermunicipal cos Concellos de Betanzos, Pontedeume e Valdoviño no que investirá 865.297,46 euros para fortalecer e dinamizar a actividade comercial nestes municipios turísticos da provincia.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou hoxe a iniciativa, que conta cunha subvención de 692.237,60 euros do Plan de Recuperación do Goberno de España con fondos europeos Next Generation, acompañado da rexedora de Betanzos, María Barral, e dos rexedores de Pontedeume e Valdoviño, Bernardo Fernández e Alberto González.
Formoso destacou "a importancia que están a ter os fondos europeos na dinamización económica da provincia" e "o bo traballo que se está a facer no centro 'Next Deputación', situado no municipio da Capela, e que a día de hoxe é o único de Galicia que se dedica á xestión de fondos europeos".
O presidente provincial lembrou que "neste último mes xa anunciamos importantes proxectos financiados con fondos europeos como os 6,7 millóns para crear un estudo audiovisual único no noroeste da península, os 1,5 millóns de euros para o plan de Fogóns do Anllóns, e agora súmase este que anunciamos hoxe e que contribuirá a mellorar diferentes espazos públicos en localidades de importancia turística da provincia", destacou o presidente que anunciou que "a vindeira semana anunciaremos novos proxectos financiados con fondos europeos na provincia da Coruña e que contarán coa dirección e apoio da Deputación"
O obxectivo principal deste proxecto é o de mellorar o atractivo turístico destas zonas, renovando as súas infraestruturas e favorecendo a mobilidade urbana a través de diferentes obras públicas planificadas, modernizando espazos concretos para atraer novos perfís de turistas e visitantes. Todos os concellos participantes contan con importantes recursos ou produtos turísticos, que se presentan como un elemento tractor para promover a dinamización e a recuperación comercial nos territorios.
As obras propostas non só mellorarán a estética, a mobilidade e as posibilidades de ocio e recreo, favorecendo a peatonalización, mellorando a iluminación, o mobiliario público e as zonas verdes, senón que tamén redundará no desenvolvemento económico dos territorios de intervención, que gañarán atractivo para impulsar o comercio e a hostalaría local, captar proxectos de emprendemento, promover a diversificación das empresas existentes e favorecer as posibilidades de retención da poboación.
Investimentos na vía pública e redución da fenda dixital
En cada un dos tres municipios que participan neste proxecto realizaranse obras concretas en espazos públicos relevantes. Son actuacións destinadas a favorecer a accesibilidade e mellorar a mobilidade peonil, co obxectivo de desconxestionar as rúas comerciais habilitando espazos de carga e descarga e aparcamentos accesibles para diminuír os tempos de acceso ás zonas comerciais e turísticas.
Así, en Betanzos actuarase no parque urbano Pablo Iglesias, localizado entre os ríos Mendo e Mandeo e a área de autocaravanas, a carón da área turística e comercial da zona histórica e monumental do municipio, á que presta servizo como zona de acceso e esparexemento. Agora mesmo este espazo non pode prestar este servizo aos visitantes, clientes e habitantes porque non se atopa nun bo estado de conservación polo que se propón a súa mellora integral. O investimento ascende a 123.865 €.
En Pontedeume traballarase no Paseo de Raxoi e os seus espazos inmediatos. Escolleuse este punto xa que constitúe unha das principais vías de acceso tanto para os visitantes que se achegan ao municipio como para os propios habitantes da mesma zona histórica, onde se localiza a práctica totalidade do comercio local. Os traballos que se levarán a cabo teñen que ver coa mellora da accesibilidade peonil, a eliminación de barreiras urbanísticas (ancheamento de beirarrúas), mellora do mobiliario urbano, instalación de sinalización comercial e turística, creación de áreas loxísticas de reparto e distribución e mellora da iluminación coa instalación de tecnoloxía LED. O investimento ascende a 344.200 €.
Pola súa parte, en Valdoviño a área de actuación é o espazo público de 1.200 metros cadrados existentes fronte ao paseo da Praia da Frouxeira, xa que concentra diferentes espazos turísticos, hostaleiros e comerciais onde aínda non existe un espazo de encontro para integrar os movementos dos usuarios da praia, dos afeccionados ao surf (Pantín Classic, Campionato de España, escolas de surf...), do turismo derivado da Laguna da Frouxeira (atractivo ambiental e ornitolóxico) e do sendeirismo (senda das Ondas, Paseo da Lagoa...). O que se pretende é facilitar a integración de todas estas iniciativas para que incremente as súas capacidades para atraer e reter visitantes. Neste municipio, o investimento é de 397.412 €.
Un proxecto que non sería posible sen o liderado da Deputación
Os rexedores dos tres municipios coincidiron en agradecer a colaboración da administración provincial para conseguir estes fondos europeos e destacaron que, "polas bases desta convocatoria non sería posible obter a subvención sen que a proposta estivese liderada pola Deputación".
De xeito particular, Alberto González salientou que "en Valdoviño permitirán xerar un espazo semiurbano na zona comercial máis importante do noso municipio, unha gran oportunidade que dará a posibilidade de que os comercios amplíen a súa temporada de vendas".
María Barral cualificouno como "unha actuación coa que levamos tempo soñando para a posta en valor da zona verde máis importante que ten o noso municipio e que por fin será unha realidade" e Bernardo Fernández sinalou que "en Pontedeume vai permitir realizar unha obra de calado nunha das vías principais do noso municipio, que actualmente está nunhas condicións mellorables e que se humanizará totalmente, dando un impulso a esa zona".
Por último, este proxecto tamén incorpora diferentes accións para favorecer a conexión a Internet en zonas que actualmente presentan dificultades para democratizar o acceso á información, mellorar a comunicación, facilitar a xestión telemática, promover o deseño e o desenvolvemento de apss, etc. En definitiva, avánzase na redución da fenda dixital que afecta especialmente aos territorios rurais.