Estás en:Novas

A Deputación insta á Xunta de Galicia a cubrir as necesidades de persoal de atención ao alumnado con necesidades especiais do CPI Cruz do Sar de Bergondo

A moción, que contou co voto favorable de PSOE, BNG, Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica e o voto en contra do PP, denuncia que non se está respondendo ás necesidades educativas de máis de 30 alumnos e alumnas con necesidades especiais

A comunidade educativa bergondesa destaca a "alarmante situación" xerada polo "recorte de persoal de atención á diversidade, a pesar do incremento experimentado nas matrículas do alumnado con diversidade funcional"

O centro conta con dous profesores menos que no anterior curso, a pesar do incremento de alumnado

A Deputación insta á Xunta de Galicia a cubrir as necesidades de persoal de atención ao alumnado con necesidades especiais do  CPI Cruz do Sar de Bergondo

A Deputación da Coruña instou hoxe en pleno á Xunta de Galicia, concretamente á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a que cubra todas as necesidades de persoal de atención á diversidade no CPI Cruz do Sar de Bergondo.

A moción, presentada polos grupos do PSOE, BNG, Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica, contou co voto favorable destes grupos e o voto en contra do PP, que xustificou a súa postura en que os informes de Inspección de Educación consideran suficiente o persoal do centro.

A Deputación apoia as demandas trasladadas pola comunidade educativa de Bergondo "derivadas do recorte de persoal de atención á diversidade a pesar do incremento experimentado nas matrículas do alumnado con diversidade funcional no presente curso escolar".

O texto explica a situación actual do centro educativo bergondés, que "conta con dous/dúas profesores/as menos que no curso escolar anterior (2021/2022)" e "con máis de 350 alumnos/as, sen que poidan facer fronte con garantías ás necesidades educativas de máis de 30 destes nenos e nenas con diversidade funcional por mor da denegación dun segundo especialista en Pedagoxía Terapéutica e do recorte da xornada na especialidade de Audición e Linguaxe nunha alta porcentaxe".

A Deputación considera que estes recortes "non só terán impacto nestes máis de 30 nenos e nenas" senón que "incrementará indiscutiblemente a carga de traballo do actual cadro docente, ao que a Consellería de Educación pretenden asignarlle tamén horas de reforzo para as necesidades educativas especiais".

"O centro xa comunicara ao remate do curso pasado as súas necesidades de dotación de persoal docente, xustificada debidamente, e a resposta da Consellería non lles chegou ata a primeira semana de setembro deste ano, denegando as demandas realizadas", explican.

Por isto, a Deputación da Coruña manifesta o seu "inquebrantable compromiso coa calidade do ensino público como un motor de igualdade e cohesión social", expresa o seu "apoio ás demandas presentadas pola comunidade educativa de Bergondo, que facemos extensivo a todas as que estean a padecer este tipo de recortes" e insta "á Consellería de Educación a cubrir todas as necesidades demandas pola comunidade educativa bergondesa".

O pleno aprobou tamén unha moción de apoio ás alegacións realizadas polo Concello de Val do Dubra e a veciñanza afectada polo parque eólico de Vilatoxo, que inciden, entre outros aspectos, na vulneración da directiva 92/43/CEE relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora, na ausencia de utilidade pública do proxecto, na vulneración da directiva marco da auga ou na afectación ás familias que residen nos núcleos.

A moción contou cos votos favorables del PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e a abstención do PP.

Non prosperou a moción da Marea Atlántica sobre vivendas de uso turístico, que só contou cos votos favorables de Marea Atlántica e Alternativa.