A provincia da Coruña viaxará ao Campionato Estatal de Balonmán da man das seleccións galegas infantís, cadetes e xuvenís
No CESA Costa Blanca 2023, que terá lugar en varias localidades alicantinas entre o 3 e o 8 de xaneiro, as xogadoras e xogadores galegos cambiarán o tradicional pin e entregarán produtos galegos do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal e merchandising de 'A provincia que sabe'
O vicepresidente e deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, e a deputada de Deportes, Cristina Capelán, participaron no acto oficial de despedida das seleccións, masculinas e femininas, que tivo lugar onte no Centro Superior de Hostelaría de Galicia
O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, e a deputada de Deportes, Cristina Capelán, participaron onte no acto oficial de despedida das seleccións galegas de balonmán infantís, cadetes e xuvenís (masculinas e femininas) que van participar no CESA Costa Blanca 2023 a vindeira semana. O vicepresidente da Deputación, na súa intervención salientou o "orgullo" que supón para a institución provincial que "as nosas marcas e os nosos lemas formen parte das equipacións dos seleccionados galegos".
Neste sentido, tamén se expresara uns minutos antes o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, quen explicou que "este ano imos facer alarde do produto galego". Un produto galego procedente da provincia da Coruña, e da man da área provincial de Turismo da Deputación que, en palabras de Bruno López "entende moi ben que crear sinerxias entre Turismo e Deporte é dar un paso máis". Neste sentido explicou que "nun campionato en que os nosos rapaces van interactuar con 10.000 persoas, a Deputación da Coruña decidiu cambiar o protocolo, e os nosos xogadores e xogadoras non van a dar un pin nin un banderín antes de comezar os partidos, imos entregar produto galego da zona sete concellos que participan no proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal".
Ademais dos produtos do Xeoparque de Cabo Ortegal, tamén se entregará merchandising da estratexia turística 'A provincia que sabe' e o logo institucional da Deputación formará parte do equipamento oficial dos xogadores e xogadoras seleccionadas.
O presidente da Federación Galega de Balonmán tamén fixo fincapé en valores de apoio institucional ao deporte, con agradecementos explícitos a todas a administracións que apoian activamente e de xeito constante este deporte: o goberno autonómico, o provincial e varios concellos do país. "Viaxamos con sete combinados", asegurou, "os seis que van competir e a nosa familia, que é a gran familia que apoia o balonmán galego". Unha mensaxe que tamén recolleu o vicepresidente da Deputación, quen animou a todos e a todas as seleccionadas "a participar no campionato desde o compañeirismo e a amizade e sendo grandes cando toque ganar e supergrandes cando non toque".
En canto ao apoio da Deputación á Federación Galega de Balonmán máis aló do campionato estatal da vindeira semana, Bruno López salientou a colaboración constante a través de diversas iniciativas ao longo da tempada e anunciou que nos vindeiros meses se creará un circuíto que chegará ás prazas de diversas vilas da provincia. Unha iniciativa que a deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, salientou como "unha fórmula que pensamos que é moi acaída para achegar o balonmán á cidadanía e contribuír a que a práctica deste deporte siga crecendo".