Estás en:Novas

A Deputación e o Concello da Capela compilan nun libro a historia da construción da presa do Eume

Formoso destaca que o libro "é unha homenaxe a centos de persoas da comarca que participaron na construción deste prodixio da enxeñería, clave para o desenvolvemento industrial e a modernización da zona"

O libro recupera con imaxes, planos orixinais de Yordi de Carricarte e testemuñas persoais sobre o longo e complexo proceso de construción da primeira presa con bóveda de dobre curvatura de España

A Deputación e o Concello da Capela compilan nun libro a historia da construción da presa do Eume

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, presentaron hoxe no municipio o libro "La presa del Eume: 1955 – 1960", editado por ambas institucións, nun acto que contou tamén coa presenza dos autores J. Óscar Castro Negreira, Justino Fernández Negral e Juan Carlos Vázquez Arias.

A edición relata o longo e complexo proceso de construción da presa, desde o comezo da parte técnica e a instalación dos primeiros campamentos de técnicos e obreiros ata a a execución final da obra. "A presa do Eume ten un lugar especial na historia desta comarca e na historia da enxeñería en España. Foi unha obra extraordinariamente complexa que supuxo a construción da primeira presa con bóveda de dobre curvatura do país", lembrou Valentín González Formoso, destacando o traballo pioneiro do enxeñeiro coruñés Luciano Yordi de Carricarte.

Formoso sinalou tamén que o libro "é tamén unha homenaxe a centos de persoas e familias da Capela, das Pontes, de Mofero, de Cabanas, de Pontedeume...que participaron cun enorme esforzo na construción deste prodixio da enxeñería, un empeño colectivo que foi clave no desenvolvemento industrial e a modernización da comarca na segunda metade do século XX" e agradeceu ao alcalde, Manuel Meizoso, "o seu empeño persoal en recuperar a historia da construción da presa e deixala por escrito neste libro para que a coñezan as novas xeracións".

Tanto Formoso coma Meizoso gabaron o exhaustivo traballo de investigación realizado polos autores para documentar nas 221 páxinas do libro a historia da presa, compilando antigas imaxes, películas e fotografías (entre elas as históricas imaxes de Alberto Martí Vilardefrancos, de Foto Blanco), a memoria oral dos traballadores que construíron a presa e as súas familias, ou os artigos, planos e memorias orixinais dos proxectos de Yordi Carricarte.

"Aquellos años siempre estarán en la memoria de todos nosotros. Congregados por la garganta, cada uno hizo frente al desafío que los ingenieros nos habían planteado. Fue una batalla cruel a veces, gozosa otras. Al atardecer volvíamos a nuestro campamento y tumbados en la litera respasábamos el avance cual si formásemos parte de un ejército. Los de la cantera rivalizaban con los que en el túnel se enfrentaban a la montaña, mientras los hombres de la presa sonreían. Este es el relato de aquel tiempo lleno de fascinación y grandeza", afirma a presentación do libro.