A Deputación e o Concello de Oleiros invisten 457.000 euros para rematar as obras que transformarán a Finca Tenreiro nun albergue
Valentín González Formoso e Ángel García Seoane asinaron hoxe o convenio de colaboración para financiar a última fase do proxecto
As obras permiten recuperar un edificio de gran valor patrimonial para transformalo nun albergue con capacidade para 30 persoas, calefacción por aerotermia e completamente accesible
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, asinaron este venres un convenio de colaboración para cofinanciar a última fase das obras que transformarán a Finca Tenreiro nun albergue.
O orzamento total desta actuación ascende a 457.400 euros, dos que a entidade provincial achega 300.000 euros, que supón o 65% do financiamento.
O proxecto consiste, en primeiro lugar, na finalización da rehabilitación e a adecuación do edificio ao seu novo uso como albergue con capacidade para 30 persoas. Na planta baixa demoleranse os vestiarios existentes, executando tres novos; instalarase unha cociña equipada para dar servizos de comidas e instalarase un novo sistema de xeración de calefacción e ACS por aerotermia, o que permitirá un importante aforro no consumo enerxético do inmoble.
Na primeira planta realizarase a división dunha gran sala diáfana en 5 dormitorios e poder aloxar, do mesmo xeito, a profesores/as ou monitores/as. Colocarase tamén un ascensor para facer o inmoble accesible e corrixiranse os accesos ao edificio, creando unha infraestrutura completamente adaptada para os usuarios con mobilidade reducida. Limparase a fachada e a cuberta e renovaranse tamén as varandas, galerías e outros elementos de carpintería interior e exterior (galería, ventás e portas), así como a escaleira exterior de pedra e a instalación eléctrica do edificio.
No predio actuarase a través do seu acondicionamento para un uso seguro e accesible, recuperando os muros deteriorados polo paso do tempo e instalando proteccións na parte superior. Así mesmo preservaranse numerosos elementos cun gran valor patrimonial, que na actualidade están en situación de risco, e incluiranse uns novos accesos a través de camiños de pavimento empedrado de granito e novos sendeiros de xabre.
No peche do predio proxéctase a reparación dos muros exteriores, a reparación da porta do acceso orixinal, repoñeranse os módulos do valado de forxa que decoraban a parte superior do muro e instalarase un novo valado pola parte posterior do predio.
Coa execución deste proxecto acometerase a renovación dun edificio cun gran valor patrimonial, mellorando a súa seguridade, accesibilidade e a súa eficiencia enerxética.