A Deputación e o Concello de Bergondo destinan 737.000 euros para construír unha área deportiva e de ocio na Senra
O proxecto, cofinanciado co Plan Único, inclúe unha pista de atletismo de 160 metros de lonxitude e 5 rúas, unha pista polideportiva, un auditorio con capacidade para 300 persoas e un parque infantil
A Deputación da Coruña e o Concello de Bergondo investirán 737.000 euros na construción dunha área deportiva e de ocio na parroquia da Senra.
A achega provincial, a través do Plan Único, ascenderá a 333.436 euros (o 45 % do investimento total), mentres que o Concello de Bergondo financia a cantidade restante, que son 403.504 euros.
A execución da obra realizarase na explanada situada na contorna do CPI Cruz do Sar, que conta cunha superficie de 6.871 metros cadrados. 2.000 metros utilizaranse para prazas de aparcamento e mellorar a entrada de saída do colexio. Ademais, renovarase o pavimento colocando un firme mixto, con formigón desactivado nas vías, céspede armado nas prazas de aparcamento e lousas de granito nos espazos peonís.
Nos 4.871 metros restantes integraranse os elementos e equipamentos deportivos, culturais e de recreo. Así, construirase unha pista de atletismo de 160 metros de lonxitude e 5 rúas, dotada cunha bancada con capacidade para 490 persoas; unha pista polideportiva con céspede artificial; unha área de calistería con elementos para a práctica deportiva, un auditorio con capacidade para 300 persoas; un parque infantil cun pequeno espazo cuberto; un percorrido de equilibrio para os máis pequenos; mesas de pícnic cubertas e un aparcamento para bicicletas.
Todo o conxunto de instalacións estará dotado de iluminación, recollida de pluviais e subministración de auga para as fontes e o rego.
Con esta nova actuación vanse mellorar as infraestruturas deportivas e de ocio no Concello de Bergondo, favorecendo a práctica deportiva e facilitando o acceso a eventos culturais no municipio.