Aberto o prazo para que os concellos da provincia soliciten axudas para servizos de normalización lingüística
As solicitudes poden ser presentadas ata o 20 de febreiro ás 14 horas
O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña dirixida aos concellos, agrupacións de municipios, mancomunidades e outras entidades locais da provincia para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística en 2023. A Deputación, a través da área de Normalización Lingüística, que dirixe a deputada María Muíño, destina 550.000 euros, dos que cada beneficiario poderá recibir un importe máximo de 15.000 euros
Poderán participar todos os concellos, agrupacións de concellos e mancomunidades da provincia. As solicitudes presentaranse de xeito telemático, ata o vindeiro 20 de febreiro, na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTeL).
En 2022, 34 concellos de toda a provincia contaron con persoal técnico especializado para a promoción do galego a través desta liña de axudas, para a que a Deputación reservou unha achega de 489.737,14 euros.
"A través desta convocatoria queremos contribuír á profesionalizar e apoiar o traballo que desenvolven os servizos de normalización lingüística dos concellos, as institucións que están máis cerca da veciñanza, que é fundamental para avanzar no uso da nosa lingua", sinalou María Muíño.
Entre as funcións xerais e de dinamización dos servizos están asesorar a administración en materia de política lingüística, velar polo cumprimento da lexislación, fomentar o uso do galego na sociedade; planificar, xestionar, executar e avaliar accións favor da lingua, propoñer programas dinamizadores ou coordinar redes de traballo para o fomento da nosa lingua.
O servizos teñen tamén funcións de formación entre as que se atopan planificación, coordinación e realización de cursos, a difusión de materiais para promover o uso do galego ou a colaboración no deseño de programas de formación a favor do galego. Os obxectivos inclúen, ademais, contribuír á mellora da calidade lingüística e comunicativa da administración ou resolver dúbidas e normalizar a imaxe da institución con respecto á lingua.