Estás en:Novas

O presidente da Deputación destaca a mellora da seguridade da estrada e da senda de Corcubión que conecta Quenxe co faro de Cee

As obras recibiron un dos maiores investimentos do ano na costa da Morte, con 1.145.000 euros

Formoso asegurou na súa visita que "cumprimos deste xeito a nosa promesa coa Costa da Morte, a través da mellora da seguridade no acceso a un lugar tan importante para o Concello de Corcubión e Cee"

O alcalde, Manuel Insua, subliña que "coa creación da nova senda peonil vai permitir a todas as persoas transitar por ela sen ningún tipo de preocupación

O presidente da Deputación destaca a mellora da seguridade da estrada e da senda de Corcubión que conecta Quenxe co faro de Cee

A Deputación da Coruña vén de executar as obras da ampliación e mellora do trazado para a construción dunha senda peonil na estrada DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda, que permite unir a zona urbana de Quenxe co faro de Cee, un percorrido de case 6 quilómetros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou na mañá de hoxe xunto co alcalde de Corcubión, Manuel Insua; o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño; e varios membros da corporación municipal local, o remate das obras para comprobar de primeira man o resultado, que permitirá configurar un gran itinerario peonil no municipio e que supón un dos maiores investimentos da área de Vías e Obras do ente provincial realizado en Corcubión e na Costa da Morte ata o momento.

As obras recibiron un dos maiores investimentos do ano na costa da Morte, con 1.145.224 euros.

Os traballos dotan o sistema viario dunha importante mellora na seguridade, tanto para os veciños e veciñas, que usan este itinerario para pasear e facer deporte, como para todo o tráfico rodado que habitualmente transcorre por el.

Segundo apunta Formoso, "cumprimos deste xeito a nosa promesa coa Costa da Morte, a través da mellora da seguridade no acceso a un lugar tan importante para o Concello de Corcubión e para toda a Costa da Morte, xa que o faro é un dos lugares máis visitados durante o ano".

"Pasamos de ter unha estrada que tiña 4,5 metros de ancho a ter unha con 10 metros de plataforma, espazo onde agora mesmo incluso poden coincidir dous autobuses circulando simultaneamente, o que significa que a xente pode circular tranquilamente e, deste xeito, gozar dun lugar cun gran valor patrimonial e paisaxístico".

Pola súa banda, o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, resaltou que se trata "dun investimento moi importante para Corcubión, creando unha infraestrutura de calidade que rematará con todas as críticas sobre o vial, deixando unha estrada con todas as garantías de seguridade para poder circular por ela".

O alcalde explicou que "estamos a falar dunha zona moi transitada pola veciñanza  do municipio, e mesmo da comarca, que coa creación da nova senda peonil vai permitir a todas as persoas transitar por ela sen ningún tipo de preocupación".

Ampliación da vía e construción da senda

As obras consistiron na construción dunha senda peonil e a ampliación e mellora do trazado da estrada DP-2801 (de Corcubión a San Roque por Redonda) nun tramo dunha lonxitude aproximada de 1,77 quilómetros, entre a intersección da vía provincial e a pista que se dirixe ao lugar da Oliveira, e a intersección co ramal ao faro de Cabo de Cee.

Coa actuación dotouse á plataforma da estrada provincial dunha anchura de 10 metros, fronte aos 4, 5 metros existentes orixinalmente; contando con dous carrís de circulación de 3,25 metros de ancho, beiravías de 0,50 metros e unha senda peonil a nivel da estrada de 2,5 metros de ancho. A intervención prolóngase polo ramal de acceso ao faro do Cabo de Cee, conseguindo unha plataforma de 9 metros de ancho, fronte aos 4 metros orixinais, composta por dous carrís de 3 metros de ancho, beiravías de 0,5 metros e unha senda peonil de igual tipoloxía e localización que é contigua á da calzada da estrada DP-2801, pero cunha anchura de 2 metros.

Deste xeito conséguese dotar a ambos os tramos de estrada dun itinerario peonil continuo nunha lonxitude de máis de dous quilómetros, coa consecuente mellora da seguridade viaria nun tramo de estrada que conta cun frecuente tránsito peonil.

Por outra banda, colocáronse cuñas de aceleración e deceleración e un carril central de incorporación na intersección entre a estrada DP-2801 e o ramal de acceso ao faro de Cabo de Cee. A actuación completouse coa reposición das obras de drenaxe transversal existentes, dotándoas dunha sección acorde á tipoloxía da estrada, e a execución da drenaxe lonxitudinal mediante a disposición de cuneta revestida de formigón en masa sobre tubo dren, ao longo da marxe dereita da estrada.

Apoio provincial para o desenvolvemento de "O desembarco"

Durante a visita celebrada esta mañá o dirixente provincial comprometeu o apoio económico da Deputación para desenvolver a Representación do desembarco e loita mantida polas tropas do arcebispo Rodrigo de Luna e os Cabaleiros dos Condes de Altamira en Corcubión no ano 1.457, máis coñecida como "O desembarco".

Formoso destacou a importancia da recreación histórica deste fito, e quixo subliñar "a importancia deste evento para o municipio de Corcubión, que sen dúbida supón unha importante inxección económica para toda a comarca".

A festa, que se celebra no municipio da Costa da Morte desde hai xa 21 anos, pretende a declaración como Festa de Interese Turístico Galego.