A Deputación da Coruña e o Concello de Dodro destinan 129.639 euros para impulsar a mobilidade sostible no municipio
O proxecto contempla a delimitación dun itinerario ciclista de preto de 7 quilómetros desde a Veiga de Lestrove ata Bexo, atravesando a contorna natural das Brañas de Laíño.
Formoso destaca a aposta da Deputación por un novo modelo de mobilidade, máis sostible e eficiente
As marxes da vía contarán con zonas de protección e prioridade para os ciclistas, colocarase sinalización horizontal e vertical e redutores físicos de velocidade para automóbiles
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello de Dodro, Xavier Castro, asinaron un convenio de colaboración para cofinanciar as obras de acondicionamento do viario existente na contorna das Brañas de Laíño, integradas na Rede Natura 2000, fomentando a mobilidade sostible. Na sinatura do acordo estivo tamén o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira.
O orzamento total da execución ascende a 129.639 euros, dos que a entidade provincial achega o 80 % da financiación, que supón 103.711 euros, e a adminisitración local a cantidade restante, que son 25.928 euros.
Segundo explicou o alcalde, Xabier Castro Tourís, "a vía conta con preto de 7 quilómetros de lonxitude e atravesa o municipio desde a Veiga de Lestrove,,no límite con Padrón, ata Bexo, preto de Rianxo, discorrendo en boa parte pola contorna natural das Brañas de Laíño". Trátase dunha vía que xa é moi usada polos ciclistas actualmente.
Castro agradeceu o apoio da Deputación "para facer realidade un proxecto moi bonito co que pretendemos impulsar a mobilidade a pé e en bici en condicións de seguridade e accesibilidade".
Pola súa banda, o presidente provincial, Valentín González Formoso, enmarcou este proxecto "na aposta por un novo modelo de mobilidade sostible que estamos a realizar desde a Deputación, e que inclúe grandes obras como a Vía Verde Santiago-Cerceda ou a Senda ZEC da contorna do encoro de Cecebre, pero tamén proxectos coma este, que pretenden fomentar a mobilidade a pé ou en bici entre núcleos rurais de concellos coma Dodro".
As obras contemplan a delimitación das marxes da vía con zonas de protección e prioridade para o tráfico ciclista, que tamén serán empregadas polos peóns, mellorando a seguridade e a funcionalidade para todos os usuarios e usuarias. Realizarase, do mesmo xeito, unha sinalización completa horizontal e vertical, ademais da execución de 21 reductores físicos de velocidade para os automóbiles tipo "lombo de asno", como medida para regular o tráfico.
Do mesmo xeito, preverase a reparación do firme existente mediante a colocación de grava e tratamento asfáltico semiprofundo, así como o selado de toda a superficie en dous tramos acotados do viario. Estas actuacións completaranse coa canalización soterrada de 400 metros para colocar a iluminación pública, que inclúe 19 luminarias sobre báculos de 5 metros de altura, e a instalación de 5 bancos de madeira técnica.