Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia a protección e restauración dos murais de Urbano Lugrís

A institución provincial aproba en sesión plenaria unha declaración na que amosa a dispoñibilidade para colaborar co Concello da Coruña e coa Xunta naquelas iniciativas que estean destinadas á conservación dos murais de Lugrís

A Deputación da Coruña apoia a protección e restauración dos murais de Urbano Lugrís

A Deputación da Coruña vén de aprobar en sesión plenaria unha declaración institucional na que todos os grupos políticos se posicionan en favor da protección e restauración dos murais de Urbano Lugrís, situados na rúa Olmos 25, da cidade herculina.

A declaración consta de dous puntos. Dunha banda, solicítanlle ao Concello da Coruña e á Xunta de Galicia que se activen todas as accións e medidas necesarias para asegurar a protección, conservación e restauración dos citados murais; e doutra amosa a dispoñibilidade en colaborar con ambas administracións naquelas iniciativas que estean destinadas á conservación da obra de Urbano Lugrís.

Na declaración institucional, dáse conta que o edificio situado na Rúa Olmos, 25, a pesares de estar situado nun dos barrios máis emblemáticos da Pescadería, dentro do ámbito de actuación PEPRI ( Plan Especial de Protección e reforma interior da Cidade Vella), está nun estado de abandono e deterioro que, entre outras incidencias, provoca filtracións de auga ao interior. Tamén fai mención ao derrubamento de parte da galería de madeira e que provocou que os bombeiros da cidade herculina tivesen que actuar para sanear a fachada. Circunstancias que motivan a situación de perigo para a conservación do tesouro artístico que representan o murais de Urbano Lugrís como parte do seu legado artístico, catalogado como Patrimonio Cultural de Galicia.

O texto lembra que Urbano Lugrís González ( A Coruña, 28 de xaneiro de 1908 - Vigo, 23 de decembro de 1973 ) foi un dos grandes artistas plásticos galegos do século XX, autor dunha plástica surrrealista que nace da recreación onírica do mundo mariño, habitada por paisaxes imposíbeis rodeadas de seres míticos nunha atmosfera propia e recoñecida baixo a súa exclusiva sinatura. Para alén doutras facetas artísticas, entre as que cómpre destacar a escrita, é autor dunha prolífica obra pictórica que ofrece unha singularidade: unha parte desa obra artística son orixinais murais realizados in situ nas paredes interiores de edificios públicos e privados.