Estás en:Novas

A Deputación apoia a solicitude de declaración dos Montes do Gato como Parque Natural, impulsada por entidades veciñais de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós

Valentín González Formoso reuniuse coas entidades, que reuniron xa 40.000 sinaturas de apoio, 4.000 delas entre a veciñanza da zona

Formoso insta á Xunta a dar unha resposta a unha solicitude avalada por informes científicos que xustifican numerosos elementos ecolóxicos e arqueolóxicos singulares presentes na zona

"A última vez que a Xunta de Galicia declarou un Parque Natural foi hai vinte anos. Á vista dos datos, cremos que os Montes do Gato reúnen os requisitos para ser o sétimo Parque Natural de Galicia", subliñou o presidente da Deputación

O Goberno provincial levará unha moción ao pleno de febreiro para instar á Xunta de Galicia a impulsar a declaración

A Deputación apoia a solicitude de declaración dos Montes do Gato como Parque Natural, impulsada por entidades veciñais de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós

A Deputación da Coruña apoia a solicitude de declaración dos Montes do Gato como Parque Natural impulsada por distintas asociacións de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós, que xa recabaron máis de 40.000 sinaturas de apoio, 4.000 delas entre a veciñanza da zona.

Así o confirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso, tras reunirse, xunto co portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, coas representantes das asociacións Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo de Aranga, Esperanza González e Azucena Guerreiro; Asociación A-Legre de Oza-Cesuras, Eva Rodríguez, e Asociación SOS Patrimonio Montes do Gato-Seselle, Mónica Fernández-Aceytuno, que incidiron nos singulares valores ecolóxicos e medioambientais, arqueolóxicos e patrimoniais e culturais, avalados con diferentes estudos e publicacións científicas, que sustentan a solicitude.

Formoso trasladou o apoio do Goberno provincial á solicitude e anunciou que levarán unha moción ao pleno da Deputación para instar á Xunta de Galicia a declarar a zona Parque Natural, baseándose neses informes e estudos, que inclúen a presenza na zona de especies de fauna e flora singulares ou con necesidades de protección debido á súa escaseza ou vulnerabilidade, así como xacementos de alto valor histórico e arqueolóxico coma o santuario rupestre de Pena Furada, petróglifos ou a necrópole megalítica identificada nos seus traballos de investigación do arqueólogo Antón Fernández Malde nos anos 90.

"Falamos dun enclave singular desde o punto de vista patrimonial, ecolóxico e medioambiental, situado en pleno de corazón da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e dunha solicitude moi ben armada e xustificada, que ten todo o sentido do mundo. Máis aínda cando vén avalada polo apoio de miles de veciños de zona, polo que entendemos á Xunta de Galicia non lle vale dar a calada por resposta", afirmou Formoso ao remate da reunión.

Formoso incidiu en que "a última vez que a Xunta de Galicia declarou un Parque Natural foi hai vinte anos, en 2002. Xa é hora de que a Consellería de Medio Ambiente valore seriamente esta solicitude que ten nas súas mans desde o pasado verán e que dea unha resposta". "Á vista dos datos, cremos que os Montes do Gato reúnen os requisitos para ser o sétimo Parque Natural de Galicia", subliñou o presidente da Deputación.

Pola súa banda, as representantes das entidades destacaron a ausencia de resposta durante meses por parte da Xunta de Galicia . "Presentamos a solicitude no rexistro da Xunta o pasado mes de xullo e a aínda non temos resposta", afirmou Mónica Fernández-Aceytuno, que destacou que xa contan con "40.000 sinaturas de apoio a esta iniciativa, 4.000 delas entre a veciñanza da zona"

"De saír adiante, sería o primeiro Parque Natural aprobado en vinte anos pola Xunta e o primeiro na historia de Galicia que nace dunha iniciativa popular", destacou Fernández-Aceytuno .

As representantes das entidades apuntan que contan con informes avalados polas universidades de Santiago e A Coruña que especifican que as turbeiras elevadas activas presentes nos Montes do Gato ou os importantes vestixios arqueolóxicos identificados no entorno, algúns deles incluso declarados BIC; xustificarían a protección do enclave, máis na zona poden atoparse diversas especies de flora e fauna de interese comunitario segundo a Directiva europea 92/43 CEE, protexidas polo Real Decreto 1997/1995, de 7 de decembro, e outras incluídas entre as "especies vulnerables" do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, entre outras.