Estás en:Novas

A Deputación inicia a itinerancia de “Sinaladas”, unha mostra para difundir a loita das mulleres galegas no século XX

"Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión" é unha exposición de rúa composta por 39 paneis que xa pode visitarse en Padrón ata o vindeiro 12 de febreiro

Está concibida para ser exposta no espazo público e divulgar a figura de mulleres e movementos, desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación na resistencia e na loita para conseguir a democracia

A Deputación inicia a itinerancia de “Sinaladas”, unha mostra para difundir a loita das mulleres galegas no século XX

A praza Manuel Rodríguez Cobián de Padrón é a primeira parada da mostra itinerante "Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión", que a área de Cultura da Deputación da Coruña levará por cinco concellos da provincia ata finais do mes de marzo. En Padrón xa está instalada desde hoxe e poderá visitarse ata o domingo 12 de febreiro.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, que realizará unha visita institucional á mostra o vindeiro luns acompañado de representantes municipais, asegura que "se trata dunha iniciativa moi necesaria para difundir e socializar o papel da muller na nosa historia recente, con rigor histórico e de xeito didáctico e comprensible para todo tipo de públicos". A exposición, que se compón de 39 paneis, "ponlle rostro e nome e apelidos a mulleres relevantes en distintos ámbitos durante o último século, non só como unha forma de homenaxe ao seu labor senón tamén como un xeito de reivindicalas e superar a ocultación e o silenciamento ao que foron sometidas en moitos casos" engade Xurxo Couto.

Así, "Sinaladas" nace co obxectivo básico de divulgar a figura de mulleres e movementos para ofrecer unha visión global da memoria das mulleres, desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia. Ao longo das diferentes etapas históricas recolle figuras tanto tan coñecidas como María Casares como outras menos coñecidas como as mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo, así como loitas colectivas como o motín do arsenal de Ferrol ou a das cigarreiras coruñesas.

A mostra, que esta concibida especialmente para o espazo público, continuará a súa itinerancia por Narón, Carballo, A Coruña e Ames. Tamén inclúe unha unidade didáctica para planificar o proceso de aprendizaxe por parte dos centros educativos que se acheguen a visitala.

Estrutura temática e temporal
"Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión" divídese en 10 estruturas temáticas e temporais:

A loita de clases. A primeira estrutura repasa o papel das mulleres na loita de clases, na batalla conta os abusos de séculos. A súa presenza nas revoltas agrarias, nos sindicatos, e a persecución á que son sometidas.

A participación na vida política. A segunda estrutura fai un percorrido pola participación das mulleres na vida política, pola súa loita para conseguir dereitos, e polas trabas que se atopan mesmo entre os seus compañeiros de siglas.

O ensino. A terceira estrutura fai un breve percorrido pola chegada das mulleres ás aulas, pola importancia que a II República lle dá á súa formación, e polo retroceso que supón o franquismo, especialmente teimudo na represión contra docentes.

A cultura. A cuarta estrutura é unha homenaxe ás pioneiras da cultura, ás mulleres que abriron camiños na escrita, nas ciencias, no deporte, na arte. É tamén unha denuncia sobre o borrado dos seus nomes que trouxo consigo o franquismo.

As que dan a batalla. A quinta estrutura está centrada no tempo do golpe de Estado, na presenza das mulleres nos conatos de resistencia, nas barricadas, nas milicias, e no alto prezo que pagaron pola súa loita.

A resistencia solidaria. A sexta estrutura céntrase nas mulleres que van manter a resistencia tras a derrota republicana, dentro e fóra do país. As que fan boicots nas fábricas, as que participan na resistencia contra os nazis e, nomeadamente, as solidarias.

O exilio. A sétima estrutura está dedicada ao exilio, ás mulleres perseguidas por axudar a homes na fuxida, ás que tiveron que deixar atrás a súa vida, o seu fogar, pra afastarse da barbarie fascista. A todas as que mantiveron a defensa dos seus ideais noutra terra.

A guerrilla. A guerrilla protagoniza a oitava estrutura. Fala das mulleres que estiveron no monte e das loitadoras na chaira, sen cuxa axuda sería imposible manter a resistencia. Tamén de como o franquismo as vilipendia, as desterra, as viola, as mata.

O corpo da muller, campo de batalla. A novena estrutura céntrase na represión contra o corpo das mulleres, que son rapadas, violadas, tatuadas ou afastadas da súa descendencia por saírse do abafante xustillo franquista e tamén para castigar a loita dos homes da súa familia.

Individuas de "dudosa" moral. A décima estrutura fala do sexismo no franquismo, que trata aos homes como delincuentes e a elas como pecadoras, fiel ás doutrinas da Igrexa cómplice, principal inimiga das mulleres. Tamén do mantemento após 1975 de estruturas inquisitorias como o Patronato.

Leccións de cultura democrática. A undécima estrutura céntrase na participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia que se leva a cabo nas aulas ou no agromar asociativo, após o abandono das forzas aliadas vencedoras da segunda guerra mundial.

Traballar en prol da democracia. A última estrutura céntrase no papel das mulleres na loita pola democracia do movemento obreiro e o nacionalismo nos anos previos e posteriores á morte do ditador, e péchase co recoñecemento á loita feminista, herdeira da dignidade das predecesoras.