Estás en:Novas

A Deputación apoia os ourives de Santiago para consolidar a mostra 'O Esplendor do Camiño. Oito séculos de Pratería e Acibeches en Compostela'

Asina un convenio con Ourives no que destina 50.000 euros a organización da exposición deste ano

Valentín González Formoso subliña a tradición e importancia de ourivería compostelá "unha actividade ligada ao Camiño desde hai séculos"

A Deputación apoia os ourives de Santiago para consolidar a mostra 'O Esplendor do Camiño. Oito séculos de Pratería e Acibeches en Compostela'

A Deputación da Coruña vén de formalizar un convenio de colaboración coa Asociación Ourives de Compostela con fin de colaborar na organización da mostra "O esplendor do Camiño. Oito séculos de Prata e Acibeches en Compostela". A Deputación acordou destinar 50.000 euros para a consolidación desta exposición que tenta poñer en valor a historia dos acibeches en Compostela.

O acordo asinárono esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o seu homólogo da Asociación de Ourives, Arturo Ouro Hortas.

"A Deputación da Coruña amosa o seu firme compromiso co tecido artesán e, neste caso, coa propia historia de Santiago", afirmou Formoso, que lembrou que a exposición tentará, de novo, achegar ao público unha actividade artesá moi importante en Galicia no eido económico e fondamente arraigada. "O acordo cos ourives consolida e potencia unha mostra sobre unha actividade de referencia e permite destacar unha actividade comercial e artesá que está ligada ao Camiño de Santiago desde hai moitos séculos".

A mostra achegará a actividade pasada e presente dos gremios da prata e o acibeche en Santiago de Compostela, cuxa historia medra en torno á tradición xacobea e á da propia cidade.

Na pasada edición da mostra, que acolleu o Colexio de Fonseca, houbo preto dun centenar de artesanías forxadas en prata e acibeche e cuxa elaboración data entre os séculos XIII e XX.

Grazas ao convenio, asinado pola Deputación e os Ourives, Santiago volverá a acoller o traballo milenario dos ourives compostelás. Porase en valor o patrimonio histórico e cultural que legaron os gremios da prata e o acibeche que se estableceron e proliferaron en Santiago, considerados dos máis antigos e significativos de España. Será unha oportunidade única para gozar das artesanías vinculadas á tradición xacobea e a un dos sectores comerciais senlleiros en Galicia.