Estás en:Novas

A Deputación financia o servizo de asesoramento enerxético da FAEPAC á cidadanía cunha achega de 51.000 euros

Valentín González Formoso asina o convenio que lle permitirá á Axencia Enerxética Provincial seguir asesorando a veciñanza sobre a factura eléctrica, o bono social ou a eficiencia enerxética

Ao longo deste ano, a FAEPAC prevé realizar arredor de 300 xestións de asesoramento enerxético

A Deputación financia o servizo de asesoramento enerxético da FAEPAC á cidadanía cunha achega de 51.000 euros

A Deputación da Coruña cofinancia con 51.010 euros o programa de asesoramento enerxético da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da institución provincial.

O servizo ten como obxectivo informar a cidadanía sobre a factura eléctrica, o bono social e como aforrar e ser máis eficientes enerxeticamente. Ao longo deste ano, a entidade dependente da Deputación da Coruña pretende levar, como mínimo, 300 actividades de asesoramento enerxético.

O presidente da Deputación e da FAEPAC, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta de FAEPAC, Cristina Capelán, asinaron o convenio a través do que a institución provincial destina 51.150 euros ao financiamento deste servizo. "Esta entidade, dependente da Deputación, leva moitos anos facendo un traballo fundamental para contribuír a eliminar a pobreza enerxética, fomentar a eficiencia enerxética e reducir a factura eléctrica de fogares, concellos e empresas"", sinalou Formoso. O presidente provincial manifestou que o obxectivo da Deputación é axudar a concellos e cidadanía a aforrar na súa factura eléctrica.

Deste xeito, a Deputación potencia o servizo permanente de asesoría enerxética que ofrece a FAEPAC á cidadanía e no que destacan aspectos tan importantes como o estudo das necesidades de calefacción ou refrixeración no fogar e proposta de solución técnicas, revisión dos contratos coas compañías enerxéticas, estudos de facturación, análise de consumo eléctrico, etc.

Por outra banda, a iniciativa inclúe a identificación de persoas afectadas pola pobreza enerxética en colaboración e coordinación cos servizos sociais municipais, así como a análise de ferramentas e axudas implementadas polas diferentes administracións públicas neste ámbito, a realización de auditorías enerxéticas nos fogares ou medidas correctoras, entre outras.