Estás en:Novas

Expertos de toda Europa analizan desde mañá en Ferrol a importancia da recuperación das defensas costeiras da Costa Ártabra

O presidente da Deputación, o alcalde de Ferrol e o xeneral xefe da MAM inauguran o congreso mañá xoves ás 11.00 horas no Teatro Jofre o Congreso Internacional "Apuntando ao mar"

Organizado pola Deputación da Coruña, o congreso contará con expertos nacionais e de diferentes países europeos, que achegarán a súa visión sobre as defensas da costa ao longo da historia e o seu potencial como polos de dinamización turística

O Congreso será gratuíto e aberto ao público interesado, aínda que convén inscribirse para participar nas visitas guiadas do sábado a Exponav e as baterías militares de Prior

Expertos de toda Europa analizan desde mañá en Ferrol a importancia da recuperación das defensas costeiras da Costa Ártabra

A Deputación da Coruña, coa colaboración dos concellos de Ferrol, Ares e Valdoviño, organiza desde mañá xoves, 9 de febreiro, ata o sábado 11, en Ferrol, o simposio internacional "Apuntando ao mar" sobre as defensas costeiras do territorio ao longo da historia e a súa relación co patrimonio, a paisaxe, o medio e o turismo.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato Escalona, e o xeneral xefe do MAM e representante institucional das Forzas Armadas en Galicia, Juan Francisco Arrazola Martínez, participarán na inauguración oficial do congreso ás 11.00 horas, no Teatro Jofre de Ferrol.

A Deputación pretende que o congreso contribúa a divulgar e poñer en valor o patrimonio costeiro da costa ártabra e a importancia do noso litoral ao longo da historia como clave para a defensa do territorio.

Así mesmo, destaca o impacto positivo que terá este evento para a cidade de Ferrol, que durante os tres días concentrará a boa parte dos maiores expertos en toda Europa falando sobre as defensas costeiras do territorio e a súa historia.

Catro mesas sobre historia e patrimonio e dúas visitas guiadas

O xoves, día 9, a convención arrinca coa primeira mesa, que tratará sobre a historia e o patrimonio nos séculos XVI e XVIII, coordinada por Alfredo Vigo Transancos, Catedrático Emérito de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do Comité Científico do Congreso, e continuará co relatorio "El Turco y la llave de Italia: Estrategias de defensa costera del reino de Sicilia a principios de la Edad Moderna", a cargo de Maurizio Vesco, do Archivio di Stato de Palermo (Italia).

Durante a xornada do xoves participarán tamén como relatores o doutor arquitecto e membro de Icomos Valladolid, Fernando Cobos; Juan Rodríguez, coronel retirado de Intendencia, José Manuel López Hermida, comandante retirado de Artillería; José Manuel Yáñez, doutor en Historia da Arte e xefe do servizo de Arquitectura da Deputación, e Joaquín de la Cámara, tenente coronel retirado de Artilllería, que abordará a ponencia "Los cañones gallegos que defendieron el Estrecho de Gibraltar".

Xa pola tarde será a quenda dos relatorios da catedrática de Historia da Arquitectura da École Pratique des Hautes Études de París (Francia), Émilie D´Orgeix e Mathieu de Meyer, director do Raversyde Museum Atlantikwall de Ostende (Bélxica).

Venres: paisaxe, natureza e os exemplos de Italia, Bélxica e Croacia

A xornada do venres, día 10, ábrese cos relatorios sobre protección, xestión e ordenación da paisaxe costeira e "Fuertes y fronteras, alegorías a la intemperie", de Alberto Ruíz de Samaniego, profesor da Universidade de Vigo.

Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe, impartirá o relatorio "El Monte de San Pedro, del mimestismo del paisaje al paisaje escénico" e o comunicador ambiental e ornitólogo Antonio Sandoval falará sobre a singularidade das aves e a natureza da costa norte galega, desde Bailadora ata Estaca de Bares .

Na quenda de tarde a temática será o turismo, falando da xestión e o desenvolvemento sostible do patrimonio costeiro, nun relatorio arquitecto da UDC, Mario Crecende Maseda e o exemplo da lagoa de Venecia a cargo de Fiorenzo Meneghelli, do Instituto Italiano dei Castelli.

Tamén será a quenda para os relatorios do vicepresidente da Rede Europea de Rutas Culturais de Monumentos Fortificados, Dirk Röder, e da investigadora e profesora croata, Natasa Urosevic, que exporá o exemplo de posta en valor das fortificacións do Adriático, en concreto o caso de Pula (Croacia).

Visitas guiadas o sábado a Exponav e as baterías militares de Prior

Na xornada do sábado, día 11, realizaranse dúas visitas guiadas. A primeira conducirá aos participantes a "Exponav" e ao arsenal de Ferrol, que data do século XVIII; e para rematar o simposio os asistentes achegaranse ás baterías militares de Prior, do século XX.

Aínda que se trata dun congreso gratuíto e aberto a todo o público interesado, é conveniente inscribirse a través da páxina web www.apuntandoaomar.com, especialmente para as visitas guiadas da xornada do sábado.