Estás en:Novas

Formoso afirma que o Plan de Recuperación das Baterías Militares de Ferrolterra impulsado pola Deputación comezará este ano cun investimento de 1 millón de euros

"É algo que lle debemos a Ferrol, á súa historia e á tradición militar, que durante tantos anos estivo esquecida polas administracións anteriores", afirma Formoso na inauguración do Congreso Internacional "Apuntado ao Mar"

A primeira fase do proxecto incluirá rehabilitar as baterías de costa da Bailadora( Ares), Campelo (Valdoviño) e Monte Ventoso (Ferrol)

Durante tres xornadas, expertos de toda Europa participarán en diferentes relatorios para dar a coñecer o valor patrimonial, paisaxístico e medioambiental das defensas do litoral da Costa Ártabra

Formoso afirma que o Plan de Recuperación das Baterías Militares de Ferrolterra impulsado pola Deputación comezará este ano cun investimento de 1 millón de euros

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, inaugurou esta mañá a primeira das tres xornadas do simposio internacional "Apuntando ao mar" sobre as defensas costeiras do territorio ao longo da historia e a súa relación co patrimonio, a paisaxe, o medio ambiente e o turismo xunto co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos e o Xeneral Xefe de Apoio no Mando á Manobra da Arma de Artillería, Juan Francisco Arrazola.

Durante a convención expertos de toda Europa participarán en diferentes actividades que teñen como obxectivo dar a coñecer ao público a súa importancia ao longo de toda a historia.

Formoso subliñou que "a celebración deste congreso serve para poñer en valor o patrimonio costeiro de toda a provincia da Coruña" e destacou "a importancia do noso litoral ao longo dos séculos como elemento clave na defensa do territorio".

Neste sentido, Formoso destacou "a aposta da Deputación á hora de divulgar o patrimonio da comarca a través do Plan de Recuperación das Baterías Militares de Ferrolterra, recuperando o esplendor destes antigos emprazamentos bélicos, afianzándoos como enclaves turísticos, recuperando a súa memoria" e engadiu que "é algo que lle debemos a Ferrol, á súa historia e á tradición militar, que durante tantos anos estivo esquecida polas administracións anteriores".

Así mesmo, resaltou "o impacto positivo que terá este evento para a cidade de Ferrol, que durante os tres días concentrará a boa parte dos maiores expertos en toda Europa falando sobre as defensas costeiras do territorio e a súa historia".

Durante a súa intervención, Formoso salientou o compromiso da Deputación para este ano 2023 de destinar 1 millón de euros para iniciar a primeira fase do proxecto de recuperación das baterías militares de Bailadora (Ares), Campelo (Valdoviño) e Monte Ventoso (Ferrol).

O presidente explicou que para realizar a dita execución porase en marcha un Plan Director para dotar á actuación dunha visión global, de conxunto e estratéxica que permita continuar rehabilitando o resto de infraestruturas históricas e militares abandonadas e usalas como un importante elemento de dinamización turística, tal e como están facendo outros países de Europa.

Na súa intervención, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato incidiu "na necesidade de corrixir os erros do pasado, que durante tantos anos pasou por alto o patrimonio inxente do que dispoñemos nas nosas costas". "A nosa historia defínenos e en moitas ocasións perdemos as referencias do pasado. Recuperar o patrimonio permítenos coñecer as nosas orixes, unha historia da que estamos orgullosos", afirmou.

Ángel Mato destacou o importante papel da Deputación da Coruña "coa que vimos traballando conxuntamente desde hai tempo para conservar o noso patrimonio histórico", un dos principais atractivos turísticos da cidade de Ferrol, segundo explicou o alcalde.

O Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos Ruíz, recalcou "o valor estratéxico como defensa militar que tivo ao longo dos séculos o litoral de Ferrol" e subliñou "o impacto positivo que este simposio vai ter á hora de dar a coñecer toda a riqueza do nosa costa".

O Xeneral Xefe de Apoio no Mando á Manobra da Arma de Artillería, Juan Francisco Arrazola, indicou que "ao longo da historia as defensas do golfo ártabro estiveron sempre situadas á vangarda en materia de defensa, cos últimos avances, polo que o valor que cobra a súa recuperación vese aumentado".

Primeira xornada de Apuntando ao Mar

No día de hoxe a convención arrincou coa primeira mesa, que tratou sobre a historia e o patrimonio nos séculos XVI e XVIII, coordinada por Alfredo Vigo Transancos, Catedrático Emérito de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do Comité Científico do Congreso. Máis tarde seguiu co relatorio "El Turco y la llave de Italia: Estrategias de defensa costera del reino de Sicilia a principios de la Edad Moderna", que estivo realizado por Maurizio Vesco, do Archivio di Stato de Palermo. Participaron tamén eminencias no campo como o doutor arquitecto e membro de Icomos Valladolid, Fernando Cobos; Juan Rodríguez, coronel retirado de Intendencia, José Manuel López Hermida, comandante retirado de Artillería; José Manuel Yáñez, doutor en Historia da Arte e xefe do servizo de Arquitectura da Deputación, e Joaquín de la Cámara, teniente coronel retirado de Artilllería, que impartirá o relatorio "Los cañones gallegos que defendieron el Estrecho de Gibraltar".

Na quenda de tarde tomarán o relevo a catedrática de Historia da Arquitectura da École Pratique des Hautes Études de París, Émilie D´Orgeix e Mathieu de Meyer, director do Raversyde Museum Atlantikwall de Ostende.

Programación do venres

O venres inauguran a xornada os relatorios sobre protección, xestión e ordenación da paisaxe costeira e "Fuertes y fronteras, alegorías a la intemperie", de Alberto Ruíz de Samaniego, profesor da Universidade de Vigo.

Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe, impartirá o relatorio "El Monte de San Pedro, del mimestismo del paisaje al paisaje escénico" e o comunicador ambiental e ornitólogo Antonio Sandoval falará sobre a singularidade das aves e a natureza da costa norte galega, desde Bailadora ata Estaca de Bares.

No horario de tarde tratarase o tema do turismo, falando da xestión e o desenvolvemento sostible do patrimonio costeiro, nun relatorio do arquitecto da UDC, Mario Crecende Maseda e o exemplo da lagoa de Venecia a cargo de Fiorenzo Meneghelli, do Instituto Italiano dei Castelli.

Contará coa intervención do vicepresidente da Rede Europea de Rutas Culturais de Monumentos Fortificados, Dirk Röder, e da investigadora e profesora croata, Natasa Urosevic, que exporá o exemplo de posta en valor das fortificacións do Adriático, en concreto o caso de Pula.

Programación do sábado

Para rematar o congreso, realizaranse dúas visitas guiadas. A primeira conducirá aos participantes a "Exponav" e ao arsenal de Ferrol, que data do século XVIII; e para rematar o simposio os asistentes achegaranse ás baterías militares de Prior, do século XX.