Estás en:Novas

A Deputación edita “Pysbe, Pesquerías y Secaderos de Bacalao”, unha homenaxe á historia pesqueira de Ferrol e a unha factoría “que marcou a historia da cidade”

Valentín González Formoso e Ángel Mato presentaron o libro xunto co autor, Justino Fernández Negral

"PYSBE foi a primeira gran empresa pesqueira de España e a primeira gran industria do porto de Ferrol. Unha factoría que marcou a historia da cidade a historia persoal de centos de persoas e de familias que traballaron alí", afirmou Formoso

A factoría "é memoria viva de Ferrol, porque foron varias as xeracións que pasaron pola Pysbe e porque as traballadoras e os traballadores desa factoría tamén foron protagonistas da loita pola democracia", subliña o alcalde Ángel Mato

A Deputación edita “Pysbe, Pesquerías y Secaderos de Bacalao”, unha homenaxe á historia pesqueira de Ferrol e a unha factoría “que marcou a historia da cidade”

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentaron hoxe a obra de Justino Fernández Negral "Pysbe, Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España-Factoría de Ferrol 1925-1973", unha homenaxe á historia pesqueira do porto de Ferrol e á historia dunha industria, que desde hai séculos foi unha das principais fonte de riqueza económica. No acto, que tivo lugar no Centro Cultural Torrente Ballester, tamén estivo presente o autor.

O presidente da Deputación asegurou durante a presentación que a Deputación da Coruña, consciente da importancia de conservar o legado da industria pesqueira de Ferrol, edita esta obra que reflexa o impulso ao tecido empresarial ferrolán e o polo de desenvolvemento para a cidade e a súa contorna que supuxo a chegada desta fábrica durante o segundo cuarto do século XX.

"PYSBE foi a primeira gran empresa pesqueira de España, unha factoría que marcou a historia da cidade a historia persoal de miles de persoas e de familias que traballaron alí", afirmou Formoso, que subliñou que "a obra de Fernández Negral é unha proposta que tenta manter na memoria dos ferroláns e dos galegos a importancia da industria pesqueira e, neste caso, a historia do comercio do bacallau como un produto esencial na vida das familias desde mediados do século XX", apuntou González Formoso.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, afirmou que Justino Fernández Negral "xa nos lembrou en anteriores traballos que nesta cidade houbo sempre máis industria que a naval. A construción de barcos eclipsou outras actividades que ao longo de diferentes etapas tiveron moito peso na nosa economía. A Fenya, a Pempsa ou as fábricas de curtidos da comarca xa foron obxecto do estudo de Fernández Negral".
"Agora, co inestimable apoio da Deputación, edítase este volume sobre a historia dunha empresa que é memoria viva de Ferrol, porque foron varias as xeracións que pasaron pola Pysbe e porque as traballadoras e os traballadores desa factoría tamén foron protagonistas da loita pola democracia", subliñou o alcalde de Ferrol.

Fernández Negral lembra neste libro a historia dunha actividade da que vivían moitos e moitas ferroláns que pasaban os seus días nos peiraos cos pesqueiros atracados. De feito, o presidente da Deputación recordou tamén o esforzo das redeiras da factoría ferrolá. "Cada nave contaba cunhas quince mulleres encargadas de confeccionar e reparar os aparellos: atar, ligar e enlazar as cordas, un traballo moi duro que estaba reservado para as redeiras ferroláns", incidiu o presidente provincial.

A obra narra a actividade industrial da ría da Malata onde co paso dos anos se foron asentando un crecente abano de actividades, como a Fábrica de Xeo, e máis tarde a Fábrica de Lapis. As diferentes etapas da factoría ferrolá, desde os seus inicios ata a súa crise nos anos 70, fálannos do periplo de centos de familias e persoas que dedicaron a súa vida a esta pesqueira a través dun amplo e documentado traballo de investigación histórica realizado por Fernández Negral.

O relato está cargado de vivencias e é unha oportunidade de coñecer máis a fondo unha parte do pasado industrial de Ferrol e da súa historia.