Estás en:Novas

A Deputación da Coruña atendeu 44.500 trámites presenciais o ano pasado na súa rede de Oficinas Tributarias, o 33% delas sen cita previa

O 21% das consultas presenciais da cidadanía teñen que ver con trámites catastrais

Formoso, Sánchez Bugallo e Fernando de Aragón inauguraron en Santiago unhas xornadas nacionais da Dirección Xeral do Catastro

A Deputación da Coruña atendeu 44.500 trámites presenciais o ano pasado na súa rede de Oficinas Tributarias, o 33% delas sen cita previa

A Deputación da Coruña realizou o ano pasado na súa rede de Oficinas Tributarias na provincia un total de 44.500 atencións presenciais, das que 14.809, unha de cada tres, foron sen cita previa. A estes números súmanse as miles de consultas que se atenden cada ano a través do teléfono, o correo electrónico e da Oficina Virtual Tributaria (OVT). Ademais, un 21% das consultas presenciais que se producen cada ano nas oficinas tributarias da Deputación teñen que ver con trámites catastrais.

Os datos facilitounos hoxe o presidente, Valentín González Formoso, na inauguración en Santiago dunhas xornadas nacionais do Catastro xunto ao director xeral do ente, Fernando de Aragón Amunárriz, o director rexional, Benito Bericochea, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo e a concelleira de Facenda, Marta Abal.

Formoso destacou que a colaboración con concellos e Deputación permite ao Catastro ter rexistrados o 97% dos inmobles da provincia e que 79 dos 93 concellos coruñeses teñen delegadas na Deputación as xestións relacionadas co Catastro, "que supoñen unha de cada cinco consultas da cidadanía".

"A Deputación conta cunha rede de 13 Oficinas Tributarias na provincia e un equipo humano de máis de 150 persoas para atender calquera trámite, consulta ou dúbida da cidadanía e dos 87 concellos que teñen delegada a xestión tributaria na institución provincial", afirmou o presidente, que ofreceu ao Catastro a colaboración da Deputación para "avanzar na simplificación dos trámites, que supoñan menos cargas e obrigas para os cidadáns, máis axilidade e mellor coordinación cos municipios da provincia".

Ademais da rede de Oficinas Tributarias con sedes na Coruña, Arteixo, Ordes, Betanzos, Ferrol, Narón, Ortigueira, Santiago, Ribeira, Arzúa, Ames, Negreira e Corcubión, , a Deputación mantén aberto o Servizo de Atención ao Contribuínte a través do teléfono gratuito 900 132 204 e do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a Oficina Virtual Tributaria (OVT) (https://dacoruna.gal/servizos-tributarios/oficina-virtual/) na que se poden realizar trámites, consultas e xestións as 24 horas do día, os 365 días do ano.