Estás en:Novas

Formoso reclama á Xunta “que invista en Ferrol o mesmo que noutras cidades”

"A falta de investimentos da Xunta nas instalacións deportivas de Ferrol é notable desde hai moito tempo", afirmou Formoso, que reclama que a administración autonómica cofinancie as obras do cambio da cuberta da Malata "cunha achega cando menos igual que a da Deputación"

Ángel Mato reclama a Rueda que cumpra o seu compromiso de cofinanciar cando menos un 30% as obras das instalacións deportivas de Ferrol

O presidente supervisou co alcalde de Ferrol e o presidente do Rácing o avance das obras de rehabilitación da bancada norte do estadio da Malata nas que Deputación e Concello de Ferrol invisten 610.000 euros

Formoso anuncia un convenio co Rácing de Ferrol para financiar os custos das actividades do seu deporte base e promocionar a Ferrol e á provincia en toda España

Formoso reclama á Xunta “que invista en Ferrol o mesmo que noutras cidades”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá o estadio da Malata xunto co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o presidente do Rácing de Ferrol, José María Criado, para supervisar o avance das obras de rehabilitación da bancada norte do recinto deportivo.

Durante a súa visita o presidente provincial quixo visibilizar a falta de investimentos por parte da Xunta de Galicia en Ferrol e incidiu en que "a falta de investimentos por parte da Xunta e da Secretaría Xeral para o Deporte na cidade é notable desde hai xa un tempo".

En contraposición, reiterou "o compromiso que desde a Deputación mantemos coa cidade e co club a través dun investimento de 600.000 euros nesta obra que xa está en execución e a aprobación, ao longo deste ano 2023, dunha nova fase para comezar a reforma das cubertas, onde requirimos que a Xunta faga a súa achega, polo menos na mesma medida que a Deputación, para levar a cabo este proxecto", que se prevé que terá un elevado custe.

"A Xunta terá que decidir se se compromete con esta cidade ou se pasa desta cidade. Nós comprometémonos con Ferrol e aquí están os feitos . Obras son amores", apuntou Formoso, que comprometeu que a Deputación colaborará economicamente nunha segunda fase das obras, un proxecto complexo e ambicioso, que suporá un elevado investimento para renovación da cuberta do estadio que conta con tres décadas de antigüidade.

"Pedimos que a Xunta de Galicia bote unha man. Sabemos que o orzamento é o que é, pero non pode ser que se invista en todas as cidades de Galicia menos en Ferrol. Cremos que, como mínimo, a Xunta debería achegar os mesmos recursos que a Deputación", insistiu.

O primeiro paso para a remodelación integral do estadio

A rehabilitación da bancada norte do recinto deportivo supón un investimento de 610.000 euros financiado por Deputación e Concello de Ferrol sen achega económica da Xunta e forma parte dun proxecto de remodelación integral centrada na mellora estética e de seguridade de toda a infraestrutura.

Formoso quixo destacar o traballo do presidente do Rácing de Ferrol, "un presidente moi querido que está facendo un gran traballo no club", e apuntou que "a Deputación responde a esta chamada de axuda, a pesar de non ter as competencias neste tipo de actuacións".

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, quixo "agradecer á Deputación a súa aposta por este estadio, as infraestruturas deportivas e pola cidade de Ferrol no seu conxunto".

O rexedor destacou que "temos un estadio de primeira división, construído hai xa 31 anos, pero que precisa dunha remodelación urxente".

Mato botou tamén en falta o apoio por parte da Xunta de Galicia e sinalou que "o presidente Rueda, durante a súa visita á cidade de Ferrol, comprometeuse a sufragar o 30% para realizar as melloras de calquera infraestrutura deportiva, pero ata o momento non temos novas por parte do Goberno autonómico".

"Simplemente reclamo á Xunta o mesmo tratamento que se lle dá ao resto das cidades. Ferrol ten unhas instalacións deportivas envexables, pero que teñen 25 ou 30 anos, polo que requiren de investimentos", sinalou Ángel Mato.

Pola súa banda, o presidente do Rácing de Ferrol, José María Criado, reiterou o seu agradecemento a Deputación e Concello e indicou que "é un claro exemplo de que cando hai boa vontade e as administracións traballan conxuntamente as cousas saen adiante. Como dicía o presidente Formoso obras son amores. Agradecemos que estas institucións se esforzasen con nós e apostaran polo club e pola cidade cando viron que había unha necesidade imperiosa", subliñou.

Sinatura dun convenio de colaboración co Rácing de Ferrol

Durante o acto, Formoso anunciou tamén a próxima sinatura dun convenio de colaboración co Rácing de Ferrol para sufragar os custos das actividades das súas categorías deporte base. "Será un acordo similar ao asinado xa hai uns meses co Obradoiro, o que demostra o tratamento equitativo para todos os clubs e cidades desde a Deputación".

O acordo permitirá ademais promocionar a Ferrol e á provincia da Coruña como destino turístico en toda España a través da equipación do Rácing e as pantallas promocionais dos campos de fútbol.