Estás en:Novas

O Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña celebra a súa XXIV edición

As obras representaranse no IES Rosalía de Mera de abril a xuño e haberá unha gala de entrega de premios no Teatro Colón

O Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña celebra a súa XXIV edición

O Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña, que está organizado polo IES Rosalía de Mera, celebra a súa edición número XXIV.

Este venres, 24 de febreiro, remata o prazo para que todas as compañías e centros educativos interesados en participar poidan inscribirse no certame.

As obras distribuiranse nas categorías benxamín, infantil, cadete, xuvenil e sénior; representaranse nas instalacións do IES Rosalía Mera (A Coruña) durante os meses de marzo, abril, maio e xuño. A gala de entrega de premios celebrarase no Teatro Colón o día 16 de xuño.

Haberá premios para as mellores obras, á mellor actuación, mellor actuación reparto, mellor dirección artística e entregaranse diplomas de participación para todos os actores e todas as actrices.

Na web do IES Rosalía Mera (www.iesrosaliamera.com) na sección dedicada ao certame de teatro está toda a información relativa a esta edición, na que se atopan as bases para coñecer os requisitos de participación no certame teatral e condicións deste, ríder técnico, plano de escenario, modelos oficiais de autorizacións de imaxe, así como, a ligazón ao formulario en liña de inscrición.

Unha vez finalizado o período de inscricións, concretaranse coas compañías e centros educativos as datas e horarios asignados para poder deseñar e publicar o antes posible o calendario de actuacións. Así mesmo, fixarase unha data para a reunión cos representantes das diferentes compañías e centros educativos participantes para antes do comezo do certame.