Estás en:Novas

A Deputación participa mañá nunha xornada informativa sobre as axudas do PEL para empresas do coworking Accede Papagaio

A xornada desenvolverase en horario de mañá, de 10.00h a 12.00h

A inscrición é gratuíta e debe realizarse cubrindo un formulario en liña

A Deputación participa mañá nunha xornada informativa sobre as axudas do PEL para empresas do  coworking Accede Papagaio

Mañá venres, 24 de febreiro, persoal técnico do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña participará nunha xornada informativa sobre axudas públicas dirixida a empresas e persoas emprendedoras.

Este evento, que ten por obxectivo dar a coñecer os recursos dispoñibles para o tecido empresarial da cidade terá lugar no Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio do Concello da Coruña, rúa Hospital, núm. 19.

A xornada estruturarase arredor dunha mesa técnica interinstitucional na que as persoas asistentes poderán coñecer a oferta de subvencións dispoñibles ás que poden optar, tanto para poñer en marcha a súa iniciativa empresarial como para impulsar empresas que xa están en funcionamento.

A mesa estará coordinada pola xefa do Departamento de Promoción Económica e Comercio do Concello e contará coa participación de Beatriz Mariño, xefa do servizo de Emprego e Empresa; Esther Reíllo, técnica de proxectos do Plan de Emprego local da Deputación; e Patricia López, xefa do servizo de Fomento ao Emprendemento da Xunta.

O espazo informativo terá lugar en horario de mañá, de 10.00 h a 12.00 h. A inscrición é gratuíta e debe realizarse con carácter previo cubrindo o seguinte formulario en liña: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfgCcaz7E-dLMpjgVL8Icwm0zPq5-ttaCBDmrBn4NrWwxD8IA/viewform

Pode atopar máis información sobre as liñas de axudas do Plan de Emprego Local en pel.gal/axudas