Estás en:Novas

Valentín González Formoso e Margarita Robles destacan as oportunidades de futuro para o sector naval en Ferrolterra

O presidente participou esta mañá nunha reunión en Narón coas principais empresas auxiliares da comarca xunto á ministra de Defensa, Margarita Robles e o presidente de Navantia Ricardo Domínguez

Robles afirmou que de aquí ao ano 2029 o 2% do PIB irá destinado a Defensa, cumprindo coas consignas dos países da OTAN, o que supón tamén unha oportunidade para a industria e o emprego

Valentín González Formoso e Margarita Robles destacan as oportunidades de futuro para o sector naval en Ferrolterra

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou esta mañá en Narón na reunión sectorial "Oportunidades de futuro no ámbito do sector naval de Ferrolterra" xunto coa ministra de Defensa, Margarita Robles, a secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, o presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra (COFER), Cristóbal Dobarro e o presidente da Asociación de Empresas do Sector Naval Público da Ría de Ferrol (AENFE), Jorge Silveira.

No encontro, no que participaron case un centenar de empresarios das principais compañías auxiliares que se asentan no polígono naronés e na comarca, Formoso destacou que "o estaleiro de Ferrol é o máis grande do mundo, xa que non só abarca a súa parte situada na cidade, senón que abrangue tamén toda a industria auxiliar que a abastece, localizada no Polígono do Río do Pozo, no Concello de Narón".

O dirixente provincial engadiu que "por este motivo cobra todo o sentido do mundo que esta reunión se realice aquí, xa que este municipio tamén é unha parte importante da industria estaleira na comarca".

A ministra de Defensa, Margarita Robles, que esta mañá supervisou os avances do programa de construción das fragatas F-110 en Navantia Ferrol, indicou que se trata "dun programa fundamental para Ferrol e para a comarca" e apuntou que "nestes últimos catro anos viuse unha gran evolución en Ferrol e agardo un futuro próspero para a súa industria estaleira".

"Síntome moi orgullosa das Forzas Armadas españolas. Necesitamos unhas forzas armadas modernas e actualizadas, por iso desde o noso Ministerio apostamos polo investimento neste departamento. Investir en defensa é investir en seguridade, liberdade e na creación de postos de traballo", subliñou Robles.

"De aquí ao ano 2029 o 2% do PIB irá destinado a Defensa, cumprindo coas consignas dos países aliados da OTAN e ese investimento é tamén un investimento en industria e en creación de postos de traballo", remarcou Robles, que subliñou ante un auditorio conformado polo empresariado da comarca: "cremos en vostedes como industria".

"O programa das fragatas F-110 será un enorme éxito para Navantia, para as forzas armadas, para Ferrol e para toda esta comarca", afirmou a secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, que destacou que a industria naval de Ferrol é "tecnoloxicamente avanzada e innovadora, capaz de xerar novas oportunidades para esta comarca".

Para o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, "o estaleiro é o recurso máis importante que temos na nosa comarca, por iso un dos obxectivos fundamentais que nos marcamos é a coordinación coa industria auxiliar, situada en Narón, que é indispensable para Navantia e viceversa".

"O Ministerio, co investimento actual, fornécenos esa estabilidade e tranquilidade para poder traballar, o que vai redundar nunha industria potente e recoñecible. Grazas a iso estamos nun momento de transformación do sector, investindo na infraestrutura da cidade. Imos levar a cabo, xunto cos 110 millóns de euros por parte do Goberno, a construción da fábrica de bloques tan demandada para poder ser máis eficientes e competitivos".

Pola súa banda, Cristobal Dobarro quixo mostrar o seu agradecemento ás institucións, en concreto á ministra de Defensa e ao presidente da Deputación, "polas facilidades á hora de facer realidade a colaboración público-privada".

"O desenvolvemento socioeconómico da nosa comarca sempre estivo ligado á evolución da Armada. Co aumento do orzamento en materia de Defensa, agardamos que signifique a realización de novos programas para modernizar e renovar as instalacións, como o demandado dique cuberto para a construción de barcos" concluíu Dobarro, que demandou tamén estabilidade na carga de traballo e que os proxectos estratéxicos en materia de Defensa "sexan de todos, independentemente de cores políticas". "É este perfil dialogante e de busca de consensos o que lle agradecemos", apuntou Dobarro en referencia á ministra.

Jorge Silveira de AENFE destacou "a importancia que Navantia tivo, ten e vai ter para o futuro desta comarca" e reclamou que se siga investindo na formación cualificada para os traballadores da industria auxiliar "unha materia pendente que temos que resolver entre todos".