Estás en:Novas

A Deputación ponse a disposición do Estado para axudar as vítimas dos tremores de Siria e Turquía nas actuacións humanitarias activadas pola Unión Europea

Súmase a unha declaración institucional promulgada pola FEMP para colaborar en calquera tipo de actuación humanitaria, no marco do mecanismo de axuda activado pola Unión Europea

Tamén aprobou trasladar "toda a nosa solidariedade e afecto á poboación turca e siria, e a cantas persoas se estean a ver afectadas polo tremor, a que facemos extensiva aos residentes no noso país de ambas nacionalidades"

A Deputación ponse a disposición do Estado para axudar as vítimas dos tremores de Siria e Turquía nas actuacións humanitarias activadas pola Unión Europea

A Deputación súmase á declaración institucional de apoio a todos os afectados polos tremores acaecidos en Turquía e Siria,promulgada pola FEMP, en representación das entidades locais españolas. Por unanimidade de todos os grupos representados no pleno da Deputación acordouse poñerse a disposición do Goberno de España, "con todos os nosos medios", para colaborar en calquera tipo de actuación humanitaria, no marco do mecanismo de axuda activado pola Unión Europea.

O pleno aprobou tamén, no marco da moción institucional, trasladar "toda a nosa solidariedade e afecto á poboación turca e siria, e a cantas persoas se estean a ver afectadas polo tremor, a que facemos extensiva aos residentes no noso país de ambas nacionalidades". E, por último, a Deputación amosou o compromiso de adherirse a todas ás iniciativas de axuda a poboación para paliar as terribles consecuencias do tremor.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lamentou a enorme perda de vidas por mor dos tremores de Siria e Turquía e lembrou que a Deputación "colaborará en todo o que sexa posible para a axudar as persoas que sufriron esta terrible catástrofe". Formoso destacou tamén o excelente traballo dos equipos de emerxencia coruñeses e galegos que participaron nas labores de rescate das vítimas.

A declaración aprobada lembra que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) ten sido chamada a participar no grupo de traballo de cooperación, convocado pola AECID, para posibilitar unha rápida e eficaz resposta ante a situación de emerxencia, xunto a Comunidades Autónomas e ONG humanitarias. Nesta primeira xuntanza, fíxose unha análise das consecuencias humanitarias do tremor, e formuláronse traballos de coordinación necesarios que polo momento consisten fundamentalmente en intervencións de persoal en terreo do ámbito da cooperación.

Posteriormente, a FEMP púxose a disposición da AECID para informar aos gobernos locais das necesidades que se poidan ir producindo. Deste xeito, a FEMP trasladará á Deputación da Coruña, neste caso, as demandas de axuda que poida afrontar o ente provincial nesta catástrofe.