Estás en:Novas

A Deputación investirá 893.873 nas obras de construción dunha nova ponte na DP 8001 sobre o río Mandeo en Sobrado

O investimento foi aproboado por unanimidade no pleno de hoxe

Están punto de iniciarse as obras de pavimentación dos primeiros 3 quilómetros do vial e reparanse os danos causados polas choivas no firme ata o quilómetro 7

A Deputación investirá 893.873 nas obras de construción dunha nova ponte na DP 8001 sobre o río Mandeo en Sobrado

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe as obras de construción da nova ponte da estrada DP 8001 sobre o río Mandeo, no termo municipal de Sobrado dos Monxes, que suporán un investimento de 893.873 euros e completarán as obras de ancheamento e mellora da seguridade xa executadas pola Deputación no resto do vial, que pasou dunha anchura de entre 4 e 5 metros aos 8 metros de plataforma, mellorando notablemente a súa seguridade.

O investimento aprobado hoxe executarase no punto quilométrico 3+100, unha ponte de 12 metros de longo e unha anchura de apenas 5 metros, o que impide o uso do vial nos dous sentidos de circulación simultaneamente.

A ponte actual será demolida para ser substituída por unha nova de vigas prefabricadas sobre formigón armado. Esta mellora permitirá dotar á ponte dunha plataforma de máis de 9 metros, con carrís de circulación de 3,5 metros en cada sentido, bermas de 0,50 metros e unha beirarrúa de 1,80 metros de ancho para facilitar a circulación peonil sobre a ponte en condicións de seguridade.

As obras completarán as xa realizadas pola Deputación da Coruña para ampliar toda esta estrada, que conecta varios núcleos de poboación de Sobrado e dá acceso a numerosas explotacións gandeiras. Ademais, están punto de iniciarse as obras de pavimentación dos primeiros 3 quilómetros do vial e repararanse os danos causados polas choivas no firme ata o quilómetro 7.

Segundos os datos do servizo de Vías e Obras, a ponte rexistra un tráfico diario de 388 vehículos ao día, o 12% deles vehículos pesados.

As obras inclúen a renovación da sinalización e os sistemas de contención da estrada e a restauración paisaxística da zona, incluíndo a demolición dos tramos de estrada que quedan fóra do novo trazado e a revexetación destes con especies arbóreas autóctonas.