Estás en:Novas

O pleno da Deputación insta á Xunta de Galicia a iniciar o procedemento para declarar os Montes do Gato como Parque Natural

As entidades veciñais que impulsan a solicitude reuniron preto de 40.000 sinaturas de apoio

A moción contou cos votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular

En Galicia hai máis de 20 anos que non se declara ningún Parque Natural, polo que este sería o primeiro e único parque natural da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

O pleno da Deputación insta á Xunta de Galicia a iniciar o procedemento para declarar os Montes do Gato como Parque Natural

A Deputación da Coruña instou hoxe en pleno á Xunta de Galicia, concretamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a que á maior brevidade posible inicie o procedemento para declarar os Montes do Gato, sito entre Oza-Cesuras e Aranga, como Espazo Natural Protexido, na categoría de Parque Natural para a salvagarda do Patrimonio Cultural, Patrimonio Natural e a Paisaxe de Galicia.

A moción, presentada polos grupos do PSOE e o BNG e que contou co voto favorable destes grupos, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular, recolle as demandas trasladadas por distintas asociacións veciñais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras, e avaladas por miles de sinaturas, que inciden nos singulares valores ecolóxicos e medioambientais, arqueolóxicos e patrimoniais e culturais, avalados con diferentes estudos e publicacións científicas, que sustentan a solicitude.

O presidente, Valentín González Formoso quere expresar "o noso apoio á solicitude presentada por estas entidades veciñais de Oza-Cesuras, Aranga e Coirós para lograr este nomeamento, por iso desde a Deputación da Coruña instamos á Xunta de Galicia a declarar os Montes do Gato como Espazo Natural Protexido".

Esta solicitude foi presentada co apoio de 804 sinaturas de veciños e veciñas dos Montes do Gato, e de 36.329 persoas de toda Galicia, España e mesmo Europa, que se posicionaron a favor desta petición a través da súa sinatura een liña na plataforma change.org

Os Montes do Gato cumpre varios dos requisitos establecidos para ser nomeado como Espazo Natural Protexido: alberga a gran Necrópole Megalítica do Neolítico Monte do Gato, con máis de 107 túmulos funerarios catalogados, constituíndo a maior necrópole do Neolítico de toda Galicia; contén hábitats de interese comunitario de acordo coa Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestre; goza dunha singular riqueza de anfibios; no lugar conviven especies protexidas, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres; e perviven especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas como "vulnerables".

Ademais, en Galicia hai máis de 20 anos que non se declara ningún Parque Natural, polo que este sería o primeiro e único parque natural da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, polo que o seu nomeamento permitiría paliar o déficit de superficie declarada Zona Núcleo con verdadeira entidade e conectividade ecolóxica.