Estás en:Novas

A Deputación financia con máis de 300.000 euros o proxecto de equipamento escénico do novo auditorio do Concello de Ribeira

O novo auditorio permitirá dar servizo a unha poboación de preto de 28.000 habitantes, para o desenvolvemento cultural e social a través de representacións teatrais, concertos, recitais, conferencias

Valentín González Formoso destaca o firme compromiso coa cultura do organismo provincial que se plasma en Ribeira con este importante investimento

A Deputación financia con máis de 300.000 euros o proxecto de equipamento escénico do novo auditorio do Concello de Ribeira

A Deputación da Coruña financiará o proxecto de equipamento escénico para o novo auditorio de Ribeira con máis de 300.000 euros, segundo o convenio de cooperación entre o ente provincial da Coruña e o municipio que vén de ser aprobado por unanimidade no pleno de hoxe.

O novo auditorio permitirá dar servizo a unha poboación de preto de 28.000 habitantes, para o desenvolvemento cultural e social a través de representacións teatrais, concertos, recitais, conferencias, etc. En total, a Deputación investirá o 80% do proxecto (300.788,22 euros) dun orzamento total de 375.985 euros.

O proxecto permitirá ao Auditorio dispoñer dunha infraestrutura escénica necesaria para acomodar aquelas representacións propias do inmoble grazas a un equipamento que incluirá una maquinaria escénica, vestido escénico, novo sistema de iluminación e son, na sala principal, e un sistema de vídeo-proxección na sala polivalente.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o firme compromiso coa cultura que mantén o organismo provincial, que neste caso se plasma cun importante investimento. "Amosamos, de novo, o noso compromiso coa cultura na provincia, que segue máis que vixente como podemos ver aquí, en Ribeira, grazas a este convenio de cooperación que permitirá achegar moitas actividades, obras e actuacións culturais nun espazo que será de referencia para toda a contorna", apuntou.

O investimento permitirá crear un sistema novidoso de maquinaria escénica de elevación proxectado para o escenario que sustentará os panos, decorados e equipos de iluminación da sala. Por outra banda, o vestido escénico contemplado no proxecto disporá dunha boca escénica formada por unha embocadura móbil con un bambalinón e un pano de grandes dimensións. En canto ao sistema de iluminación, estará composto por 4 dimmers, unha mesa de control de iluminación, oito proxectores RGBW, oito recortes LED branco e un cabreado DMX.

O sistema de son de última xeración será capaz de axustar acústica de cada espectáculo para a correcta audición dos eventos con equipos de reprodución, procesamento e amplificación. O sistema contará con altofalantes suspendidos, unha mesa de son e catro amplificadores no escenario.

Ademais, a sala polivalente contará cun sistema de vídeo proxector e unha pantalla de 15 m² cun sistema de son móbil e conexión sen fíos.