Estás en:Novas

A Deputación da Coruña expresa a súa solidaridade co pobo ucraíno cando se cumpre un ano da invasión rusa

Corporación, traballadores e traballadoras da Deputación participaron no minuto de silencio

Formoso lembra que a Deputación "estivo á altura das circunstancias" enviando ambulancias a Ucraína e habilitando un centro de acollida para refuxiados que atendeu a 82 persoas, a metade delas menores

A Deputación da Coruña expresa a súa solidaridade co pobo ucraíno cando se cumpre un ano da invasión rusa

A Deputación da Coruña expresa a súa solidariedade co pobo ucraíno cando se cumpre un ano do inicio da guerra.

O presidente Valentín González Formoso encabezou hoxe o minuto de silencio convocado este mediodía na sede da institución provincial e na que participaron os membros da corporación e numerosos traballadores e traballadoras da Deputación.

"Un ano despois da invasión rusa de Ucraína convén lembrar e reivindicar a importancia que ten defender a paz, a seguridade e a xustiza no territorio europeo", afirmou Formoso, que mostrou a súa solidariedade "con todas as persoas que están sufrindo as consecuencias da guerra"

"Pedimos que a comunidade internacional siga unida, que todas as formacións políticas teñan a capacidade de condenar esta guerra inxusta de Putin", afirmou o presidente, que lembrou que a Deputación "achegou o seu grao de area" e "estivo á altura das circunstancias" para apoiar ao pobo ucraíno.

"Estivemos co embaixador de Ucraína para ver como podíamos axudar desde a Deputación. Pedíronnos ambulancias e enviamos catro ambulancias da provincia da Coruña que hoxe están axudando sobre o terreo. Ademais, 82 persoas, moitas delas menores, foron acollidas na residencia do IES Rosalía Mera que desde a Deputación habilitamos como centro de acollida", lembrou Formoso.

O pleno aprobou tamén unha moción do PP condenando a invasión de Ucraína por parte de Rusia e esixindo o cesamento inmediato da guerra e o restablecemento da integridade territorial de Ucraína. O texto foi aprobado con 22 votos a favor de PP e PSOE e 6 votos en contra de BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños.