Estás en:Novas

A Deputación da Coruña retoma as obras de ampliación e mellora da estrada de Cespón a Vidres, en Boiro, cun investimento de preto de 1,3 millóns de euros

Valentín González Formoso e José Ramón Romero supervisaron hoxe o reinicio dos traballos tras a rescisión do anterior contrato xunto coa deputada provincial Sandra González e o tenente alcalde Luis Ruíz

As obras suporán a ampliación da plataforma dos 5 metros actuais aos 10 metros de ancho, a mellora do trazado e a construción dunha plataforma peonil para poder circular a pé con seguridade

A Deputación da Coruña retoma as obras de ampliación e mellora da estrada de Cespón a Vidres, en Boiro, cun investimento de preto de 1,3 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, acompañados da deputada provincial Sandra González, o tenente alcalde boirés, Luis Ruíz e técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial, supervisaron esta mañá o reinicio das obras de ampliación e mellora da estrada DP-1102 de Cespón a Vidres.

Durante a visita Formoso destacou "o investimento de 20 millóns de euros que desde a Deputación viñemos realizando no Concello de Boiro, dos que a maioría están destinados a servizos básicos e infraestruturas como esta vía, que se trata dunha demanda histórica por parte da súa veciñanza".

O presidente provincial quixo subliñar que "gran parte dos plans de investimentos da nosa entidade van encamiñados a darlle igualdade de oportunidades ao rural, coa firme intención de mellorar os seus servizos básicos, as telecomunicacións, o abastecemento de auga ou o saneamento".

Por último, o dirixente apuntou que "cando nós chegamos á Deputación a partida para mellorar os servizos no rural era de 25 millóns de euros, e hoxe xa destinamos un total de 100 millóns de euros a crear e mellorar infraestruturas básicas nos 93 concellos de toda a provincia".

Segundo apuntou o alcalde, José Ramón Romero, "a reforma desta vía era unha execución moi demandada pola veciñanza, que non só vai mellorar a circulación e a seguridade dos veciños de Cespón e Vidres, senón que tamén vai facilitar o acceso a todos os visitantes que con frecuencia visitan o centro de interpretación arqueolóxico".

As obras nesta vía foron suspendidas unilateralmente pola anterior empresa adxudicataria a finais de 2020, polo que se procedeu á rescisión do contrato e á licitación dun novo cun orzamento de 1.283.922 euros.

A actual estrada dispón dun ancho medio de 5 metros, sen diferenciación de carrís nin beiravías e cunha capa de rodaxe de perfil irregular, tanto lonxitudinal coma transversalmente.

Segundo explicou Formoso, "as obras abarcarán un tramo 1,7 quilómetros e suporán unha importante mellora da seguridade tanto para o tráfico rodado como para os peóns, xa que a plataforma pasará de 5 a 10 metros de ancho e construirase unha senda peonil para que os veciños e veciñas poidan circular a pé".

Os traballos consistirán na ampliación da plataforma da estrada, que terá unha anchura variable entre 9 e 10 metros, dotándoa de carrís de 3 metros (na actualidade son de apenas 2,5 m.) e beiravías de medio metro e a construción nunha das marxes dunha plataforma peonil de 1,80 metros de ancho. O proxecto inclúe tamén unha mellora do trazado, suavizando algunhas das curvas existentes, o que axudará a dar maior fluidez e seguridade ao tráfico.

Nos primeiros 350 metros da vía manterase a sección actual debido á imposibilidade de anchear a plataforma debido á proximidade das vivendas , pero realizarase un reasfaltado e unha mellora do cruce co tronco da estrada ampliada. A estrada ampliarase ata a glorieta que marca o final do tramo, no PK 1+700. Tamén se inclúe a mellora dos enlaces existentes nos puntos quilométricos 0+300 e 0+720 para facilitar a incorporación e xiro dos vehículos, a construción de varios muros de contención de formigón e a prolongación do sistema de drenaxe transversal existente, así coma a urbanización do tramo con saneamento, alumeado e mellora da sinalización horizontal e vertical.

A estrada pavimentarase con mestura bituminosa en quente sobre un unha base de grava de 10 cm e subbase de lastro artificial de 20 cm de espesor nas zonas de ampliación da plataforma.

Para garantir a seguridade do tráfico durante a execución das obras, estas realizaranse primeiro nun sentido e posteriormente no outro, permitindo así manter en servizo un dos dous carrís de circulación en todo momento.

O prazo de execución das obras é de 10 meses.

Mellora do firme da estrada de Boiro a Cabo de Cruz

Formoso anunciou tamén que a Deputación iniciará proximamente, con cargo ao Plan de Conservación de Estradas, as obras de renovación da capa de rodaxe da estrada DP 1107 de Boiro a Cabo de Cruz, xa adxudicadas por 528.572 euros.

As obras dotarán dunha nova capa de mestura bituminosa en quente á totalidade da vía, que ten unha lonxitude de 4 quilómetros que comeza na avenida da Constitución, á altura do parque da Cachada, e remata no porto de Cabo de Cruz, ao que serve de acceso.

Contémplase ademais a demolición dos pasos peonís sobreelevados existentes, executándose redutores de velocidade de tipo trapezoidal cos seus correspondentes elementos de drenaxe,

Novo vehículo para o Club de Piragüismo Rías Baixas de Boiro

Formoso e Romero participan tamén esta tarde na entrega dun novo vehículo ao Club de Piragüismo Rías Baixas de Boiro.

A Deputación financia o 80% do total da adquisición deste vehículo, cunha achega de 25.000 euros.

O ente provincial leva entregados 19 vehículos durante esta lexislatura, cunha achega total de 350.000 euros, distribuidos entre asociacións de remo, piragüismo, vela, salvamento e socorrismo.

No ano 2021 a Deputación concedeulle á Asociación unha axuda de 5.250 euros para adquirir distinto material para o ximnasio como barras, discos, un banco de remo, un kaiak, un ergómetro ou pesas.

Ademais, o club de piragüismo vai ver ampliado a súa nave grazas a unha actuación financiada con fondos do Plan Único, cun orzamento de 65.410 euros. O proxecto inclúe a construción dun módulo de 60 m² para acoller embarcacións de máis eslora.