A Deputación da Coruña e o Centro Criptolóxico Nacional forman os concellos da provincia para facer fronte aos ciberataques
A xornada céntrase no Esquema Nacional de Seguridade (ENS), que proporciona ao sector público en España unha formulación común de seguridade para facer fronte ás ciberameazas
A Deputación da Coruña, en colaboración co Centro Criptolóxico Nacional e a FEMP, organiza o curso "Esquema Nacional de Seguridade (ENS) para responsables de ciberseguridade das entidades locais", tres xornadas de formación na que técnicos dos concellos da provincia se formarán sobre cuestións relacionadas coa seguridade nos sistemas informáticos de de tratamento de datos dos concellos e sobre o ENS, que proporciona ao sector público un marco de acción común par afacer fronte ás ciberameazas.
O deputado de Persoal, Economía e Facenda, Antonio Leira, foi o responsable de inaugurar as xornadas. Leira destacou que a Deputación "leva desde o ano 2015 traballando na adecuación dos seus sistemas informáticos aos ENS e é unha das tres primeiras deputacións de España con sistemas certificados".
Neste sentido, Leira destacou que a Deputación conta cunha oficina de técnica de ciberseguridade para apoiar aos concellos neste eido e axudalos a conseguir a certificación dos seus sistemas no ENS, así como para seguir adecuando os sistemas da Deputación a este protocolo nacional.
O obxectivo do curso é a capacitación das/os asistentes para a adopción do Esquema Nacional de Seguridade nas súas respectivas institucións como ferramenta facilitadora da seguridade dos seus sistemas informáticos.
Os contidos deste curso están completamente aliñados coa estratexia que a Deputación da Coruña está a poñer en marcha para impulsar na provincia, de maneira conxunta e unificada, un Plan de Adecuación ao Esquema Nacional de Seguridade e ao marco normativo para os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.
O informe ENISA Panorama de Ameazas ou "ENISA Threat Landscape" (ETL polas súas siglas en inglés) de 2022 é o informe anual da Axencia de Ciberseguridade da UE. A última edición de 2022 revela que case o 25% das ameazas diríxense á administración pública e gobernos.