Estás en:Novas

A Deputación destina 22.000 euros a crear dúas pasarelas peonís no Concello de Ferrol

Executaranse na DP-3612, na parroquia de Santa Cecilia de Trasancos, e na DP-3604, na parroquia de San Salvador de Serantes

Ambas pontes van conectar os dous lados dun río para unir as beirarrúas de nova creación executadas na renovación das estradas

A Deputación destina 22.000 euros a crear dúas pasarelas peonís no Concello de Ferrol

A Deputación da Coruña vai destinar 22.934 euros á creación de dúas pasarelas peonís no Concello de Ferrol. Unha será na DP-3612, situada na contorna da pista de atletismo da Malata, na parroquia de San Salvador de Serantes, e outra na DP-3604, na aldea de Beleicón, na parroquia de Santa Cecilia de Trasancos.

Ambas as dúas pontes van conectar os dous lados dun río ás beirarrúas de nova creación realizadas nas obras de renovación das devanditas estradas. Nas recentes visitas do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a ambos puntos, puido comprobar co alcalde, Ángel Mato, e cos veciños a necesidade de construír ambas infraestruturas, polo que se comprometeu a poñer en marcha canto antes os dous proxectos.

Na pasarela da DP-3612, a infraestrutura transcorrerá sobre unha tubaxe de abastecemento do porto exterior de Ferrol, que consta dunha xunta de expansión, polo que se ten que deseñar a ponte co fin de permitir o acceso a dita xunta para permitir os labores do seu mantemento.

O proxecto presenta unha pasarela de 4,1 metros de largo e 2,4 metros de ancho, composta por lousas alveolares pretensadas prefabricadas de formigón apoiadas sobre os macizos do mesmo material, cunha banda de neopreno a modo de soporte.

Debido a que a infraestrutura está unida  a unha ponte da estrada, só será necesaria a varanda dun só lado, á cal se ancorará á lousa mediante dúas chapas e parafusos pasantes. Se fose necesario macizaríase o primeiro dos alveolos para mellorar a súa fixación.

O orzamento para executar esta pasarela ascende a 10.594 euros, que serán financiados enteiramente pola Deputación.

No referente á pasarela da DP-3604, realizarase unha pasarela de 6 metros de largo e 2,4 metros de ancho, composta por lousas alveolares pretensadas prefabricadas de formigón, apoiadas sobre unhas vigas de cargadeiro e cunha banda de neopreno.

O taboleiro estará formado por dúas lousas de 1,2 metros de ancho, con 15 cm de canto, cunha capa de compresión de 10 cm e 6 metros de longo. Contará con varandas a ambos lados, xa que transcorre a 4,5 metros da ponte da estrada. As varandas ancoraranse directamente sobre a lousa e, se fose necesario, macizaríase o primeiro dos alveolos para mellorar o seu ancoramento.

As vigas de cargadoiro pénsanse en forma de "L" con 0,6 metros de ancho, 0,3 metros de canto na zona de apoio e unha altura total de 0,5 metros. Situaranse, no caso de muro de escolleira recto, á súa continuación, mentres que o muro esviado situarase recto na zona de maior luz e igual cota que no lado recto.

O orzamento para executar esta pasarela ascende a 12.340 euros, financiados integramente pola entidade provincial