Convocada unha nova edición do Premio Rosalía de Castro
Establece unha dotación de 5.000 euros para cada unha das súas tres categorías: á persoa e á entidade que máis destaquen na promoción da lingua galega e ao mellor proxecto de dinamización lingüística para a poboación de menor idade
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 28 de abril
O premio Rosalía de Castro de lingua, convocado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, chega á súa décimo cuarta edición para seguir recoñecendo iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico galego, tanto no ámbito da provincia coma de toda Galicia. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 28 de abril.
O certame está dotado con 15.000 euros e establece un premio de 5.000 euros por cada unha das súas tres categorías: á persoa e á entidade que máis destaquen na promoción da lingua galega e ao proxecto concreto (ferramentas, publicacións/coleccións, portais, web, etc.) de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua co obxectivo de premiar a innovación e o futuro.
María Canosa, na categoría A; a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, na categoría B; e o Proxecto Brazolinda, na categoría C, foron os gañadores en 2022. Tamén resultaron premiados en anteriores edicións Xaquín Marín, Xabier P. Docampo, a Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO, Pirilampo, Galipedia, Twitter en galego, Proxecto Apego, Correlingua ou a Mesa pola Normalización Lingüística.
A presentación de candidaturas realizarase de xeito telemático a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL). As bases están publicadas no Boletín Oficila da Provincia (BOP) do 28 de febreiro