Estás en:Novas

A Deputación colabora coa Asociación Vento Noso no asesoramento á poboación sobre a implantación de parques eólicos na provincia

As accións inclúen charlas informativas e asesoramento especializado para particulares e asociacións veciñais afectadas

A Deputación colabora coa Asociación Vento Noso no asesoramento á poboación sobre a implantación de parques eólicos na provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o seu homólogo de Vento Noso, José Antonio Diéguez Otero, asinaron hoxe un convenio de colaboración co obxectivo de asesorar e informar os propietarios afectados, e a poboación en xeral, nos concellos rurais da provincia sobre a implantación dos parques eólicos.

O organismo provincial destinará 65.000 euros para cofinanciar a posta en marcha do "programa de asesoramento a propietarios afectados e poboación en xeral nos concellos rurais da provincia da Coruña na implantación de parques eólicos" co obxectivo fundamental de mellorar e ampliar a información sobre a instalación destas infraestruturas o seus impactos nestes territorios e sobre os conflitos sobre os usos existentes.

Vento Noso é unha asociación sen ánimo de lucro constituída desde 2006 para a promoción das enerxías renovables, a conservación dos recursos naturais e do medio e a defensa das persoas afectadas pola instalación de parques e infraestruturas eólicas.

Na actualidade, Galicia ten unha potencia eólica instalada superior aos 4.000 MW, equivalente a unhas catro centrais nucleares, e prevese o desenvolvemento doutros 4.800 MW adicionais nos vindeiros anos, pero as transferencias en forma de pago de alugueiros aos propietarios dos terreos apenas alcanza os 11 millóns de euros ao ano, un 1,81% da facturación dos parques. Polo tanto, o desenvolvemento dos parques eólicos nos últimos anos apenas ten xerado desenvolvemento rural en Galicia debido á falta dun marco axeitado que inclúa fórmulas de compensación para a mellora da calidade de vida dos habitantes das zonas rurais onde se instalan os parques.

Charlas informativas e asesoramento xurídico

O convenio asinado entre a Deputación e a asociación contempla unha trintena de reunións e charlas informativas por toda a provincia con propietarios afectados e poboación en xeral para ofrecer información acerca de cuestións como o marco actual de desenvolvemento da enerxía eólica ou os procedementos de expropiación e os prezos ofertados polas promotoras eólicas.

Inclúense tamén neste programa actuacións de asesoramento xurídico dirixido a particulares e entidades veciñais para a presentación de alegacións nos procedementos de exposición pública do impacto ambiental e plan sectorial dos parques e a elaboración de documentos informativos. A Asociación será a encargada de desenvolver o proxecto e contará coa colaboración económica de Deputación na súa misión de garantir a información pública aos afectados pola instalación destes parques eólicos.