Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina medio millón de euros para apoiar as confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia

Mañá abre o prazo para solicitar as subvencións destinadas a apoiar os pósitos pesqueiros e agrupacións de mariscadoras e mariscadores na contratación de persoal e modernización dos procesos de produción e comercialización

A Deputación da Coruña destina medio millón de euros para apoiar as confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras da provincia

A Deputación da Coruña destina este ano 500.000 euros para apoiar ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña en cuestións coma a contratación de persoal ou a modernización das súas infraestruturas, procesos de produción e comercialización.

O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, subliñou "a importancia social e económica que os sectores pesqueiro e marisqueiro teñen na provincia da Coruña, onde xeran miles de empregos". "Desde a Deputación queremos seguir apoiando a un sector estratéxico na nosa provincia que se veu seriamente afectado pola pandemia, a alza dos combustibles e a redución de cuotas de capturas", apuntou.

Blas García anunciou que mañá martes, 7 de marzo, a Deputación abre o prazo de solicitudes desta liña de subvencións, que se poderán tramitar de xeito telemático a través da plataforma SUBtel ata o vindeiro 31 de marzo ás 14.00 h. O deputado lembrou que o ano pasado 30 pósitos e agrupacións de mariscadoras e mariscadores recibiron o apoio económico da Deputación para manter a súa actividade.

A través deste programa de apoio ás confrarías, os pósitos coruñeses poden optar a axudas de entre 1.500 e 30.000 euros que poden destinar á contratación de persoal, adquisición de sementes de moluscos, aluguer de maquinaria ou equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades de confrarías, lonxas ou fábricas de xeo ou contratación de servizos externos, como a vixiancia.