Estás en:Novas

A Deputación outorga o I Premio Xoán Vicente Viqueira de investigación en Ciencias Sociais a José Mª Peiró, Ana García Juanatey e Olaya Cutrín Mosteiro

A Deputación convocou esta primeira edición do premio 'Xoán Vicente Viqueira' en memoria do filósofo, psicólogo e escritor tan vinculado a Bergondo

A Deputación outorga o I Premio Xoán Vicente Viqueira de investigación en Ciencias Sociais a José Mª Peiró, Ana García Juanatey e Olaya Cutrín Mosteiro

A Deputación vén de facer público o fallo do I Premio Xoán Vicente Viqueira de investigación en Ciencias Sociais, Humanidades, Sustentabilidade e Innovación dotado con 6.500 euros para cada unha das tres modalidades. O pasado 28 de febreiro o xurado concedeu os tres premios principais a José Mª Peiró, Ana García e OlayaCutrín.

O Premio á traxectoria de vida dedicada á investigación nalgún dos ámbitos das Ciencias Sociais ao longo dos últimos 30 anos recaeu en José Mª Peiró, profesor emérito da Universidade de Valencia e catedrático de Psicoloxía Social, por ser unha figura capital no desenvolvemento da psicoloxía das organizacións e do traballo en España e en Europa.
O Premio á innovación científica recaeu en Ana García Juanatey, licenciada en Ciencias Políticas pola USC, doutora en Dereito pola Universidade Pompeu Fabra e profesora do CEI International Affairs Universitat de Barcelona, pola súa achega á consideración da seguridade alimentaria como dereito humano básico e as súas contribucións no eido sa sostibilidade alimentaria e a transición ecolóxica.

O Premio á calidade dun traballo de investigación realizado por unha persoa investigadora nova nalgún dos ámbitos das Ciencias Sociais recaeu en Olaya Cutrín Mosteiro, doutora e profesora de Psicoloxía da USC pola súa brillante traxectoria investigadora con alto impacto social no campo das adiccións e da inmigración.

A deputada de Educación, Sandra González, destacou "a importancia de Viqueira, para o desenvolvemento do pensamento filosófico e o progreso da educación en Galicia". Sinalou que este certame tenta "recoñecer o traballo que fan persoas ou institucións nun eido de tanta transcendencia como o das ciencias sociais e humanidades".

A Deputación convocou esta primeira edición do premio 'Xoan Vicente Viqueira' en memoria do filósofo, psicólogo e escritor Xoán Vicente Viqueira Cortón, que naceu en Madrid pero viviu ata os 12 anos en Vixoi (Bergondo) e que desenvolveu investigacións no eido do pensamento filosófico e apostou polo progreso da educación, sempre co galego por bandeira.

O obxectivo deste certame é o de recoñecer a actividade de investigación e innovación levada a cabo por persoas ou entidades que teñan destacado no eido das ciencias sociais e humanidades.

O xurado estivo composto pola deputada delegada especial en Educación, Sandra González Castro, como presidenta; Jorge Sobral, Cristina García, María Pilar Vieiro, Ricardo Antonio García, e Marta Fernández, como vogais; e pola xefa da Sección de Cultura e Deportes, Manuela Muñiz, como secretaria