Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financia con 150.000 euros as obras de urbanización e mellora na Mirandela, no Concello da Pobra

A actuación contempla a ampliación dos servizos urbanos como saneamento, recollida de pluviais, abastecemento de auga e alumeado público en diversas zonas da Mirandela

A Deputación da Coruña financia con 150.000 euros as obras de urbanización e mellora na Mirandela, no Concello da Pobra

A Deputación da Coruña financia con 150.000 euros do Plan Único de Concellos as obras de mellora integral da Mirandela. Trátase dunha actuación moi demandada pola veciñanza da zona da Mirandela, na parroquia do Xobre. As obras están xa en fase de licitación pública.

A ampliación do núcleo desde o 2008, tras a aprobación do PXOM, coa creación de novos espazos urbanizables, encheu este espazo urbano con moitas edificacións que carecen de servizos básicos como a recollida de saneamento, pluviais, alumeado publico ou pavimentación.

Agora, grazas ao financiamento do Plan Único da Deputación, procederase á ampliación dos servizos urbanos como saneamento, recollida de pluviais, abastecemento de auga e alumeado público en diversas zonas da Mirandela.

Para completar a recollida de saneamento equiparase cun bombeo que permita dar servizo a aquelas vivendas que, atopándose a cota inferior á rede existente na actualidade, non é posible facelo por gravidade.

Nas zonas que xa existe alumeado público, pero con tendido aéreo, procederase a execución de canalización e novo cableado. Ademais, procederase á nova pavimentación ou reposición do pavimento existente, empregando na case totalidade da actuación o aglomerado asfáltico, e algunha pequena zona executarase con formigón.

O Plan Único leva investido na Pobra máis de 3,5 millóns de euros, financiado 26 obras e numerosos servizos públicos que melloran a calidade de vida da veciñanza.