Estás en:Novas

Formoso defende que a aposta da Deputación polo rural “baséase en feitos” e demanda “cláusulas demográficas” e incentivos fiscais que faciliten a implantación de empresas no rural

O presidente participou no programa especial de La Brújula de Onda Cero en Santiago 

Destaca a aposta do Concello de Santiago e a Asociación de Empresarios do Tambre para converter á cidade nunha referencia no ámbito da biotecnoloxía e "reter aquí o talento da mocidade que tanto nos custou formar"

Formoso defende  que a aposta da Deputación polo rural “baséase en feitos” e demanda “cláusulas demográficas” e incentivos fiscais que faciliten a implantación de empresas no rural

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou onte no programa especial de La Brújula de Onda Cero desde Santiago de Compostela.


Formoso defendeu a aposta da Deputación pola dinamización económica e a creación de oportunidades no ámbito rural. "Unha aposta que baseamos en feitos", explicou o presidente, que detallou algúns dos proxectos pioneiros que a institución provincial está desenvolvendo neste ámbito como a oficina de captación e xestión de fondos Next Generation implantada no pequeno concello da Capela (1.300 habitantes), "a primeira creada en Galicia para apoiar a empresas e concellos na captación e xestión dos fondos europeos Next Generation, un modelo que están empezando a replicar agora outras administracións".


Formoso citou o abandono do rural como un dos grandes problemas de Galicia, tamén no caso dos incendios forestais, e destacou a necesidade de fomentar a implantación de empresas no rural mediante "cláusulas demográficas" nas licitacións públicas e "incentivos fiscais" que permitan a creación de emprego e oportunidades no rural.

Sobre o futuro de Santiago, Formoso destacou o traballo do Concello de Santiago e da Asociación de Empresarios do Tambre para converter a cidade nunha referencia no ámbito da biotecnoloxía a través do polo biotecnolóxico da Sionlla. "Unha cidade tan asociada ao talento, que forma á xuventude no ámbito científico e tecnolóxico non pode renunciar a  que ese talento quede aquí e non teña que emigrar. Aproveitar o talento que se forma na USC e nos seus centros singulares de investigación é unha gran aposta", afirmou.


"Máis de 40.000 mozos e mozas formados con recursos públicos de todos os galegos e galegas tiveron que marchar, o que representa un drama social e familiar. Unha renuncia que non nos podemos permitir como país", afirmou o presidente que apostou por un modelo de futuro "que non estea baseado exclusivamente no turismo e no Camiño de Santiago".