Estás en:Novas

EUROPE DIRECT A Coruña anima a realizar unha viaxe en imaxes pola Unión Europea na décima edición do concurso de fotografía ‘Cidadanía Europea en Galicia’

• A competición comeza o 10 de marzo e poderán presentarse imaxes ata o 10 de abril ás 14 horas.

• A mellor fotografía recibirá unha cámara de fotos como premio e a segunda clasificada unha tablet

EUROPE DIRECT A Coruña anima a realizar unha viaxe en imaxes pola Unión Europea na décima edición do concurso de fotografía ‘Cidadanía Europea en Galicia’

O concurso de fotografía 'Cidadanía Europea en Galicia' celebra o seu décimo aniversario cunha viaxe en imaxes pola Unión Europea. O centro EUROPE DIRECT A Coruña convoca unha nova edición da competición, que neste ano quere lembrar os 30 anos dunha das medidas que máis impacto tivo na cidadanía europea, o mercado interior que permite vivir, traballar, estudar viaxar ou facer negocios na UE sen fronteiras grazas á libre circulación de bens, servizos, capital e persoas.

A competición lembra tamén que neste 2023 fai cinco anos unha das accións máis novas do programa Erasmus Plus, o DiscoverEU, que ofrece aos mozos e mozas de 18 anos a oportunidade de viaxar en tren por Europa. Así, o lema desta X edición do concurso de fotografía é 'Unha viaxe pola Unión Europea'.

Esta proposta de viaxe non se limita a facer paradas polos monumentos máis destacados de Europa, senón que busca trasladar esa experiencia de vivir a libre circulación entre os países membros. Subirse a un tren e cruzar varios estados sen ensinar o pasaporte, vivir nunha fronteira e estudar nun lado e facer a compra noutro, atopar produtos galegos no país de destino Erasmus, chamar a casa dende o estranxeiro sen que se note na factura... Son algúns dos exemplos que deixa 30 anos de mercado interior da UE e que se poden plasmar para o concurso de fotografía.

Requisitos de participación e premios

Poderán participar no concurso, que se convoca un ano máis xunto ao centro EUROPE DIRECT de Lugo, todas as persoas maiores de idade que sexan residentes en Galicia. Está permitido concursar cunha ou máis imaxes ou montaxes de imaxes, que se deben remitir xunto cun formulario de participación por cada fotografía ao correo electrónico cidadaniaeuropeaengalicia@gmail.com

As imaxes, que deben ser orixinais, únicas e inéditas, deben incluír un elemento que represente á Unión Europea, como poden ser os seus símbolos, cores representativas, os seus valores ou logros da integración europea.

O concurso, que se pode seguir a través da páxina de Facebook Concurso Cidadanía Europea en Galicia, premiará o mellor traballo cunha cámara de fotos e ao segundo cunha tablet ou premio de valor equivalente. O prazo de presentación de traballos abre o 10 de marzo e remata o 10 de abril ás 14 horas. A entrega de premios realizarase o 9 de maio, Día de Europa.

As fotografías deberán enviarse en formato JPG e cunha resolución mínima de 300 píxeles, acompañadas do formulario de inscrición que se pode atopar na web do concurso: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2023/x-concurso-de-fotografia-ciudadania-europea-en-galicia/

Para máis información, pódese contactar con EUROPE DIRECT A Coruña a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal