Estás en:Novas

A Deputación organiza unha xornada que analizará a contratación pública como motor da economía

Expertos e expertas en contratación pública, entre elas a presidenta da Oficina Independente da Regulación e Supervisión da Contratación (OIRESCON), María Luísa Araújo Chamorro, tomarán parte nas mesas redondas e relatorios que se celebran o luns no Teatro Colón

O obxectivo é analizar a experiencia da Lei de Contratos do Sector Público que entrou en vigor no 2018 e reflexionar sobre os seus aspectos positivos e tamén sobre aquelas cuestións que poidan ser obxecto de mellora

A Deputación organiza unha xornada que analizará a contratación pública como motor da economía

A Deputación organizará o vindeiro luns, 13 de marzo, no Teatro Colón da Coruña a xornada "A importancia da contratación pública como motor da economía", que ten por obxectivo analizar a experiencia da Lei de Contratos do Sector Público que entrou en vigor no 2018 e reflexionar sobre os seus aspectos positivos pero tamén sobre aquelas cuestións que poidan ser obxecto de mellora, considerando a importancia que ten a contratación pública como instrumento de dinamización da economía, a creación de emprego e a utilización dos criterios ambientais, sociais e éticos no marco da contratación das administracións públicas.

Expertos en contratación pública a nivel estatal e galegos tomarán parte en tres mesas redondas e cinco conferencias que se alongarán durante todo o día no emblemático edificio dos Cantóns.

O presidente da Deputación inaugurará a xornada ás 9.00 horas e dará paso ao relatorio "Reflexións tras cinco anos da Lei de contratos do sector público", a cargo de Santiago González-Varas Ibáñez, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Alicante.

Posteriormente comezará o relatorio, "Unha contratación xusta para un emprego de calidade", a cargo de Diego Vázquez Reino, presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO).

Despois comezará a mesa redonda "Como facilitar a participación das pequenas e medianas empresas na contratación pública. A revisión excepcional de prezos" na que participarán María Reigosa Castro, vogal da Xunta Reitora do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia; Marcial Rodríguez Toajas, interventor adxunto da Deputación da Coruña; Patricia Sabín Díaz, profesora titular de proxectos arquitectónicos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; e Marcos Vázquez Zas, empresario.

Logo da pausa do medio día dará comezo a mesa redonda "O camiño dunha maior implicación da contratación pública estratéxica. Medidas sociais, éticas e Ambientais", na que tomarán parte Elena Barba Pan, secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia; Concepción Campos Acuña, secretaria de Administración local, codirectora da cátedra de Bo Goberno Local na Universidade de Vigo; e Teresa Medina Arnáiz, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade de Burgos.

E antes de que remate a xornada matinal terá lugar outra mesa redonda de gran interese, "Os fondos NextGeneration. A xestión contractual e a prevención da fraude e da corrupción na Administración local", abordada por Patricia Iglesias Rey, letrada do Consello de Contas de Galicia; Simón Rego Vilar, conselleiro do Consello de Contas de Galicia; Luís Jaime Rodríguez Fernández, xefe do Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña; e Juan Bautista Suárez Ramos, interventor adxunto da Deputación.

Os relatorios continuarán pola tarde con "Como mellorar a contratación pública: dixitalización, datos e intelixencia artificial", a cargo de Manuel J. García Rodríguez, doutor investigador da Universidade de Oviedo/NTT Data; "A experiencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia e as entidades locais", a cargo de Tomás Otero Ferreiro, presidente do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia; e «Aspectos máis importantes da estratexia estatal de contratación pública", a cargo de María Luisa Araújo Chamorro, presidenta da Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación (OIRESCON).

Pechará a xornada Xosé Luís Penas Corral, deputado de Contratación ás 19.15 h.