Estás en:Novas

A Deputación da Coruña abrirá puntos de atención presencial para axudar á cidadanía na realización de trámites electrónicos coas administracións

A Coruña e Betanzos acollerán as primeiras oficinas piloto, nas que persoal cualificado axudará á cidadanía que o demande na realización de trámites electrónicos ante calquera administración

Valentín González Formoso presentou hoxe a Estratexia Dixital coa que a Deputación busca seguir liderando a transformación dixital na provincia e aproveitar as oportunidades que supoñen tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial, o Big Data ou os servizos na nube

Inclusión dixital, ciberseguridade, mellora de infraestruturas e desenvolvemento do proxecto "Concello Dixital" son os catro eixes da Estratexia

A Deputación da Coruña abrirá puntos de atención presencial para axudar á cidadanía na realización de trámites electrónicos coas administracións

A Deputación da Coruña presentou hoxe a súa Estratexia Dixital, a folla de ruta coa que pretende seguir sendo líder entre as administración locais de Galicia na implantación da administración electrónica, a tranformación e a inclusión dixital.

"O último informe do Consello de Contas sitúa a esta Deputación á vangarda na implantación da administración electrónica en Galicia. Esa posición de liderado non é casualidade, é froito de anos de traballo e dunha aposta clara e constante deste goberno para que a administración dixital sexa unha realidade e chegue a todos os concellos e a toda a cidadanía da provincia", afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que hoxe compareceu en rolda de prensa xunto ao deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, e os responsables técnicos do servizo para presentar a Estratexia Dixital.

O presidente explicou que a Estratexia Dixital que está a desenvolver a Deputación da Coruña baséase en catro eixes: a accesibilidade dixital universal, a ciberseguridade, a mellora das infraestruturas dixitais e o proxecto "Concello Dixital", que xa chega a 80 entidades da administración local da provincia.

Formoso explicou que a Deputación leva investido máis de 16 millóns de euros nos últimos cinco anos para impulsar a e-administración tanto na Deputación coma nos concellos coruñeses "co obxectivo fundamental de achegar a administración á cidadanía, facilitar calquera trámite e axilizar a tramitación de expedientes". A implantación da administración electrónica supuxo ademais un importante aforro económico para a cidadanía, que a Deputación da Coruña estima en 50 millóns de euros.

O presidente sinalou que, a través da Oficina do Dato, e no marco dunha estratexia europea, a Deputación traballa actualmente no aproveitamento das novas oportunidades que supoñen as tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial, o Big Data, o internet das cousas (IoT) ou os servizos na nube, que proporcionan "maior efiencia, anticipación e axilidade na tramitación".

Accesibilidade: rematar coa fenda dixital

Formoso destacou que unha das liñas de acción da Estratexia Dixital da Deputación é "combater a fenda dixital para garantir que todo o mundo, incluíndo as persoas máis maiores ou as que carezan de coñecementos, recursos ou aparellos dixitais, poidan acceder en igualdade de condicións aos beneficios da administración electrónica".

"Hoxe hai o triple de trámites en liña  que dixitais na Deputación", afirmou Formoso, que advertiu que, aínda así, hai xente que por distintos motivos non pode acceder á e-administración.

"Para fomentar a inclusión dixital abriremos puntos de atención presencial sen cita previa onde todas as persoas que o precisen podan acceder a calquera servizo dixital da administración pública co apoio de persoal cualificado", afirmou o presidente, que detallou que as primeira oficinas piloto comezarán a funcionar este ano na cidade da Coruña e en Betanzos, onde terá un carácter comarcal.

"Non só serán para os trámites relacionados coa Deputación da Coruña, senón con calquera outra administración", explicou Formoso, que avanzou que a idea do Goberno provincial é "replicar despois a iniciativa noutros concellos que así o demanden coa súa colaboración".

Do mesmo xeito, a Deputación seguirá potenciando a formación en competencias dixitais da cidadanía e dos empregados públicos de tal forma que melloren a súa adaptación á nova sociedade dixital.

Ciberseguridade e infraestruturas dixitais

Valentín González Formoso destacou que outro dos retos da administración provincial é a ciberseguridade. "A Deputación leva desde 2015 traballando na adecuación dos seus sistemas informáticos ao Esquema Nacional de Seguridade, que proporciona ao sector público un marco de acción común para facer fronte ás ciberameazas" e é "unha das tres primeiras deputacións de España con catro sistemas certificados polo Centro Criptográfico Nacional", sostivo.

Neste sentido, destacou que a Deputación conta co seu propio Plan de Ciberseguridade e cunha oficina técnica para apoiar os concellos neste eido e axudalos a conseguir a certificación dos seus sistemas no ENS, así como para seguir adecuando os sistemas da Deputación a este protocolo nacional.

Segundo o informe ENISA Panorama de Ameazas ou "ENISA Threat Landscape" (ETL polas súas siglas en inglés), o informe anual da Axencia de Ciberseguridade da UE, case o 25% das ameazas diríxense á administración pública e gobernos polo que a mellora da seguridade "é un reto constante".

Infraestruturas e Concello Dixital

O deputado Antonio Leira explicou que no eido das infraestruturas dixitais, a Deputación investiu preto de 2,6 millóns nos últimos anos en adquirir equipamentos e infraestruturas para mellorar a dixitalización de concello e da propia Deputación, creando un ecosistema dixital resiliente e con capacidade para os novos servizos e canles dixitais. "A pandemia obrigounos a reciclarnos e poñernos as pilas", afirmou.

Leira explicou tamén que a Deputación investiu máis de 12 millóns de euros para impulsar o plan Concello Dixital, a aposta do goberno provincial para fomentar o uso da administración electrónica nos concellos, que suma xa 80 entidades locais adheridas.

Concello Dixital busca consolidar a administración electrónica e difundir e promover o seu uso e vantaxes entre a cidadanía, explcicou Leira, que subliñou a importancia duns investimentos "que non se visualizan tanto como as obras", pero que "permiten que a administración estea cerca das persoas".

Máis información:

https://concellodixital.dacoruna.gal/