Estás en:Novas

As renovadas novas pistas de atletismo da USC poderán acoller competicións nacionais e internacionais

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destaca a aposta da Deputación para mellorar as infraestruturas deportivas da provincia

As obras supuxeron un investimento de preto de medio millón de euros grazas á cooperación institucional de Deputación, Concello de Santiago, Secretaría Xeral para o Deporte e USC

As renovadas novas pistas de atletismo da USC poderán acoller competicións nacionais e internacionais

A Deputación da Coruña, no seu labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés, asinou un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, o Concello de Santiago e a USC para a renovación e o acondicionamento da pista de atletismo do Campus Vida. Hoxe a Deputación, xunto co resto de administración implicadas, inaugurou unha infraestrutura que permitirá acoller competición internacionais e mellorar o servizo que a instalacións prestan ás e os deportistas de toda a provincia.

A Deputación investiu 173.516,99 euros, o 33 % da actuación, dun total de 495.761,99 euros, que contemplou a renovación do pavimento; novos revestimentos, marcaxes e sinalización; un novo círculo lanzamento de peso; dobre círculo lanzamentos disco e martelo; saneo de táboas de batida; fosos de caída; unha nova ría de obstáculos; unha nova plataforma e caixa da pértega; e novos círculos de lanzamento de peso, disco e martelo.

A infraestrutura presentaba un importante deterioro na súa superficie debido ao uso e ao tempo transcorrido desde a súa execución, en 1998, e tampouco estaba homologada para as actuais competicións, un feito que dificultaba aos deportistas adestrar en óptimas condicións.

A deputada, Cristina Capelán, asistiu á inauguración da pista de atletismo e asegurou que este proxecto naceu da colaboración entre distintas administracións. "Este traballo conxunto fixo posible un investimento de case medio millón de euros.No noso caso, asumimos unha parte importante do custo do proxecto e fixémolo coa firme convicción de apoiar aos deportistas da nosa provincia como vimos facendo nos últimos anos nos que destinamos unha gran cantidade de fondos para mellorar as infraestruturas deportivas e con axudas directas a deportistas de alto nivel", apuntou a deputada.

"Hoxe vemos que esta colaboración materializouse, que é visible e que axudará aos nosos deportistas para continuar co seu desenvolvemento nas mellores condicións posibles", engadiu.

Estas melloras levadas a cabo na instalación permitirán a súa profesionalización xa que conta agora coas condicións de dimensión e pavimento mínimas que posibilitaran que consiga a homologación IAAF Clase 2 coa que poderá acoller campionatos galegos, nacionais, así como probas internacionais de carácter básico.

Capelán lembrou a implicación do organismo provincial na mellora das infraestruturas deportivas. "A Deputación mantén desta maneira a súa aposta decidida polo atletismo galego e polo deporte da provincia e quero ratificar hoxe, xunto ao resto de administracións, o noso compromiso para o futuro cos nosos deportistas, cos concellos da provincia e co deporte galego", afirmou.