Estás en:Novas

Europe Direct A Coruña convoca Embaixadorxs Destino Europa, a campaña na que 10 mozos e mozas difundirán iniciativas da Unión Europea para a xente nova

A selección comeza o 17 de marzo e farase por orde de inscrición

As persoas participantes, que deberán ter entre 18 e 25 anos e residir ou ter nacido na provincia da Coruña, recibirán un bono interrail para viaxar por Europa durante un me

Europe Direct A Coruña convoca Embaixadorxs Destino Europa,  a campaña na que 10 mozos e mozas difundirán iniciativas da Unión Europea para a xente nova

O centro Europe Direct da Deputación Coruña convoca a segunda edición da iniciativa Embaixadorxs, na que mozos e mozas do seu ClubUE difunden a través de redes sociais os programas da Unión Europea para a xente nova. Durante case tres semanas, dez membros do club de entre 18 e 25 anos serán Embaixadorxs Destino Europa e terán un papel activo como cidadanía europea para achegar a xente da súa idade as principais iniciativas e programas europeos de interese para este grupo de idade. As persoas participantes desfrutarán dun bono de interrail.

Embaixadores Destino Europa comeza o venres 17 de marzo coa apertura do prazo para que se anoten as persoas que queiran participar. A selección farase por orde de inscrición entre os mozos e mozas que cumpran cos requisitos esixidos nas bases da iniciativa. Así, as persoas participantes deberán ter entre 18 e 25 anos, residir ou ter nacido nun concello da provincia da Coruña, pertencer ou darse de alta no ClubUE e ter un perfil de Instagram activo cunha antigüidade mínima de tres meses. A inscrición pecha o 24 de marzo e ademais dos 10 mozos e mozas escollidos, haberá outras dez prazas de reserva.

A publicación dos contidos da campaña comezará o 11 de abril e estenderase ata o día 30 dese mes. Neste tempo, os embaixadores e embaixadoras deberán informar a través de Instagram sobre o programa Erasmus Plus e o Erasmus for Young Entrepreneurs, o Corpo Europeo de Solidariedade, as iniciativas EU Youth Dialogue e o European Youth Event, a Garantía Xuvenil, a rede EURES, o concurso DiscoverEU e o Interreg Volunteer Youth. Tamén deberán realizar unha publicación inicial para explicar o seu papel como embaixadores e embaixadoras. A campaña poderá seguirse en redes co cancelo #Embajadorxs2023.

As persoas que completen os requisitos da participación recibirán un bono Interrail Global Pass que permite viaxar por Europa durante un mes e con sete días de desprazamento en tren.

EUROPE DIRECT organiza esta actividade dentro da programación do ClubUE, un espazo virtual pensado para achegar a mozos e mozas as oportunidades que existen dentro da UE. Tamén continúa a liña de traballo do programa #EuroinflUEncer co que se busca implicar ás persoas novas na divulgación de campañas e iniciativas da Unión Europea para achegalas dunha maneira directa ao seu grupo de idade e dentro do eido local.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2023/embaixadorxs-destino-europa/