Estás en:Novas

A Deputación organiza en Santiago a proba “Os 10.000 peregrinos” na que espera a participación de 3.000 atletas da provincia

Terá lugar o 16 de abril e constará de varias probas: unha 10k e unha 5k homologadas pola Real Federación Española de Atletismo, unha de dous quilómetros en ruta para escolares e unha andaina de cinco quilómetros en ruta

Xa está aberto o prazo de inscrición na web da Federación Galega de Atletismo (www.carreirasgalegas.com), ata o 12 de abril

A Deputación organiza en Santiago a proba “Os 10.000 peregrinos” na que espera a participación de 3.000 atletas da provincia

A Deputación da Coruña organiza, coa colaboración do Concello de Santiago, a proba "Os 10.000 peregrinos da Deputación da Coruña", unha proba que terá lugar o vindeiro 16 de abril, e que entra dentro da especialidade de atletismo en ruta. O evento deportivo constará de varias probas; unha carreira 10 e 5 quilómetros, homologadas pola Real Federación Española de Atletismo; unha de dous quilómetros en ruta; e unha andaina de cinco quilómetros en ruta.

Deste xeito a Deputación mantén o seu firme compromiso co deporte e co atletismo xa que durante todo o ano organiza varias competicións deportivas nesta modalidade co fin de potenciala por toda a provincia.

O obxectivo é impulsar a participación entre os nenos/as, mozos/as e maiores da provincia da Coruña, creando unha proba de gran relevancia no atletismo provincial e autonómico, para fomentar e promocionar o deporte, ofrecendo a posibilidade a toda a poboación de participar nunha proba única na provincia da Coruña, nun rango de idade que dará cabida a desde os máis xoves ata os de maior idade.

Espérase a participación de máis de 3.000 atletas de toda a provincia. Xa está aberto o prazo de inscrición, que pode facerse de balde web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com, ata o 12 de abril.

A 10K Deputación da Coruña celebrarase en Santiago de Compostela o día 16 de abril de 2023 en horario de tarde. A saída de todas as probas será desde a rúa San Francisco e a meta estará situada na Praza do Obradoiro.

Categorías e premios

Haberá distintas categorías en función da idade dos participantes, desde alevíns (nados entre 2012 e 2013) ata os Máster 4 (nados en 1962 ou en anos anteriores). Tamén haberá un percorrido de dous quilómetros non homologado para as categorías escolares.

Os seis primeiros clasificados e clasificadas obterán un trofeo e un premio económico segundo o seu posto na carreira. Os premios oscilan entre os 900 euros (primeiro posto) ata os 150 euros (sexto). A entrega de premios terá lugar na Praza do Obradoiro.