Estás en:Novas

Formoso ve “solvente” o proxecto de Resonac e Ignis para producir grafito e hidróxeno na Coruña

Formoso ve “solvente” o proxecto de Resonac e Ignis para producir grafito e hidróxeno na Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado provincial José Manuel Lage Tuñas visitaron esta mañá as instalacións de Resonac na cidade herculina.

Os máximos responsables de Resonac Graphite Spain expuxéronlles os seus plans de crecemento a medio e longo prazo.

Entre eles destacan, de darse as condicións axeitadas e contar co apoio das administracións, a ampliación da súa actual planta da Coruña, líder na fabricación de electrodos de grafito na que está especializada, e o estudo de viabilidade para a creación dunha fábrica de grafito para baterías para coches eléctricos.

Neste sentido, o presidente e CEO para a rexión de EMEA de Resonac Graphite Business Unit, César Castiñeira, acompañado dos directores xerais de Operacións e Administración da planta, David Germade e Alberto Enríquez, respectivamente, e outros responsables de proxectos da firma, adiantou ao presidente da Deputación a intención da empresa de presentar de xeito inminente unha oferta de compra para os activos ociosos do polígono da Grela contiguos á fábrica actual.

A proposta de adquisición permitiría desenvolver nestes terreos o plan industrial que a firma está a ultimar de xeito conxunto con IGNIS Energy Holdings, e que tamén inclúe a posta en marcha por parte desta última dunha planta de hidróxeno verde. Mediante este acordo prevese a xeración de emprego de calidade, a revitalización da zona e o aproveitamento da superficie e instalacións dispoñibles, ademais de apostar por unha industria verde e sostible.

Formoso considerou que se trata dun "proxecto solvente e sólido, pioneiro no seu sector, xa que pode garantir unha subministración esencial para o sector do automóbil eléctrico como son as baterías", o que supón "unha gran oportunidade para  Galicia e para a cidade da Coruña", pois abre novas posibilidades para potenciar a industria nun sector estratéxico para o futuro".

"Esperamos que o proxecto poida incorporar os traballadores de Alu Ibérica e impulse a creación de novos postos empregos na comarca coruñesa", afirmou o presidente da Deputación.