Estás en:Novas

A Deputación insta á Xunta de Galicia a levar a cabo a construción do tramo da autovía da Costa da Morte entre Baio e Berdoias

O proxecto foi unha promesa de Manuel Fraga no ano 2002. Desde entón, segue sen rematarse a pesares de ter xa nas súas costas tres licitacións, con problemas de sobrecustos e mesmo un proceso xudicial

Hai unha década, o goberno de Feijóo perdooulle á empresa a execución dos derradeiros 15 quilómetros de vía. Desde entón, a Xunta inclúe nos seus orzamentos dotacións insuficientes para completar a infraestrutura

A Deputación insta á Xunta de Galicia a levar a cabo a construción do tramo da autovía da Costa da Morte entre Baio e Berdoias

A Deputación da Coruña instou hoxe en pleno á Xunta de Galicia a levar a cabo a construción do tramo da autovía da Costa da Morte entre Baio e Berdoias (en Vimianzo), unha promesa incumprida desde a etapa de Manuel Fraga, e proceda a suspensión da peaxe para cumprir cunha reclamación histórica de toda a comarca.

A moción, presentada polos grupos do PSOE e o BNG e que contou co voto favorable de todos os grupos agás o PP, que votou en contra, expón a necesidade de completar unha infraestrutura necesaria para o equilibrio territorial, xa que tanto a comarca de Bergantiños como a da Costa da Morte perden poboación a un ritmo demasiado acelerado. O presidente, Valentín González Formoso, expresou que esta perda de poboación sucede "sen que por parte da Xunta de Galicia se adopten medidas que teñan un impacto real para frear esta sangría demográfica".

Precisamente por iso, para González Formoso son imprescindibles "infraestruturas que vertebren o territorio" e "unha aposta firme polos servizos públicos de calidade nestes concellos". Dous eixos de traballo que a Xunta de Galicia non está a ter en consideración.

A necesidade da autovía da Costa da Morte vén de lonxe ante o lóxico motivo de apostar polo reequilibrio territorial. Tras o afundimento do petroleiro Prestige no 2002, Fraga prometeu a súa construción para axudar a unha das comarcas máis illadas de Galicia. Pero non foi ata a etapa do Goberno bipartito encabezado polo presidente Emilio Pérez Touriño cando a infraestrutura foi licitada por primeira vez.

Daquela, a adxudicación foi para unha UTE (unión temporal de empresas) formada por Ferrovial e Taboada y Ramos, que se comprometeu a facela por 584 millóns de euros. Sen embargo, pouco despois de iniciar os traballos, a finais do 2008, xa comunicou ao Goberno galego que non sería capaz de finalizala se non se lle pagaba un 30% máis.

Coa chegada do PP, o novo executivo rexeitou esas pretensións, rescindiu o contrato e volveu a sacalo a licitación con modificacións. A finais de 2009 a oferta mellor valorada foi a da UTE conformada por FCC e Covsa, que resultou ser moito máis cara ca licitación do bipartito: 979 millóns de euros. É dicir, un sobrecusto de 395 millóns.

A segunda candidata nese proceso de licitación, unha UTE de Dragados e Puentes, ofertaba a obra por 200 millóns menos e levou o proceso ao xulgado. E en setembro do 2010, tras unha denuncia presentada polos socialistas, a daquela directora xeral de Infraestruturas da Xunta, Isabel Vila, deixaba o cargo. Aquel posto foi asumido por Ethel Vázquez, actual conselleira e que volveu licitar a obra por terceira vez.

En maio de 2011 se asignou o proxecto por 745 millóns á UTE conformada por Copasa, Taboada y Ramos (presentes na concesionaria do bipartito), Covsa (presente na oferta do suposto sobrecusto) e CRC.

Porén, case dous anos despois desta terceira adxudicación, a Xunta informaba ao Parlamento de que o grao de execución da obra non tiña superado o 20%. O goberno do PP argumentaba que a concesionaria non era quen de atopar financiamento ao que se tiña comprometido. Pero no canto de rescindir co contrato, o executivo de Feijóo perdooulle á empresa a execución dos derradeiros 15 quilómetros de vía, entre Baio e Berdoias, a través da inclusión dun artigo na Lei de medidas fiscais e administrativas.

Deste xeito, a autovía quedaba recortada dos 42 quilómetros inicialmente previstos a só 27, un 35% menos da lonxitude proxectaba pero polo que a Xunta aforraba só un 17% do importe total previsto.

Tras ano e medio de paralización, en outubro de 2016 entrou en servizo o tramo Carballo-Berdoias, de 25 quilómetros de autovía e 8 de corredor. A Xunta obviou na presentación que a obra debía estar lista no 2013 e, ademais, Núñez Feijóo insistiu en que a Xunta tiña "enriba da mesa o proxecto construtivo para conectar o final desta autovía co Concello de Vimianzo e desde aí entroncar coas vías que conectan Vimianzo coa Costa da Morte ata Camariñas".

Porén, a partir desde ano, a Xunta de Galicia está a incluír de maneira sistemática dotacións plurianuais nos seus orzamentos que claramente son insuficientes para rematar a autovía da Costa da Morte. Precisamente por iso a Deputación da Coruña insta ao goberno autonómico a finalizar, dunha vez por todas, un proxecto que leva pendente máis de 20 anos.

No apartado de mocións o pleno aprobou, cos votos a favor de todos os grupos agás o PP, a moción de Marea Atlántica en apoio aos traballadores e traballadoras da CRTVG e en demanda de respecto á imparcialidade informativa e aos dereitos laborais e unha moción da Marea Atlántica sobre o parque eólico de Triotomil.

O pleno rexeitou con 24 votos en contra de PSOE, PP, Alternativa dos Veciños e a abstención de Marea Atlántica e 3 votos da favor do BNG a moción dos nacionalistas pedindo a paralización dos proxectos da eólica mariña e a retirada dos plans de ordenación do espazo marítimo.