Estás en:Novas

A Deputación aproba o convenio con Ponteceso para financiar as sendas de Lestimoño, cun investimento de 1,3 millóns de euros

Saen a licitación as novas obras da ponte de Xabarido por 1,4 millóns de euros

A Deputación  aproba o convenio con Ponteceso para financiar as sendas de Lestimoño, cun investimento de 1,3  millóns de euros

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe o convenio co Concello de Ponteceso para financiar as obras das sendas de Lestimoño, na estrada provincial DP 4307 de Ponteceso a Malpica.

As obras suporán un investimento de 1.376.883 euros, dos que 951.518 serán achegados pola Deputación, que xa completou as expropiacións dos terreos necesarios para acometer as obras, por importe de 112.000 euros.

"A nosa idea, co apoio do pleno municipal, e aprobar unha encomenda de xestión para que a Deputación execute simultaneamente toda a obra, tanto a construción das sendas e a ampliación da estrada coma a renovación da rede de saneamento e abastecemento de auga", explicou García Carballido.

A obra permitirá ampliar a estrada, dotándoa de dous carrís de 3 metros de ancho e beiravías de 30 cm na marxe esquerda e 50 cm na marxe dereita. Para mellorar a seguridade do tránsito peonil construiranse beirarrúas de 2 metros de ancho na marxe esquerda e de 1,80 metros na dereita no tramo de un quilómetro que vai do pq 10+820 ao 11+820.

Proxéctanse tamén zonas de aparcamento de 2 metros de ancho en distintos puntos ao longo do vial, así como pavimentación, sinalización e mellora do sistema de drenaxe da estrada.

Nova ponte de Xabarido

A Deputación da Coruña sacou tamén de novo a licitación a obra da ponte de Xabarido, que une os concellos de Cabana de Bergantiños e Ponteceso, cun investimento de 1,4 millóns de euros. A construción atópase sobre o río Anllóns e accesos no PQ 3+800 da DP 1405 de Pazos a Leas por Beres.

Despois da rescisión do anterior contrato, o ente provincial volve sacar a licitación coa consecuente actualización de prezos.

A actuación consiste na demolición da ponte existente e a súa posterior reconstrución, aumentando o ancho do vial e a sección hidráulica de desaugue para adaptalo a unha avenida do río cun período de retorno de 500 anos.

A nova ponte contará con dous ocos de 14 e 22 metros que se unirán cun taboleiro de 13 metros de ancho formado por 10 vigas en dobre T de 1,20 metros de canto e unha lousa de compresión de 0,25 metros de espesor.

Nos accesos incrementarase o vial cun espazo de 12 metros de ancho, que na parte norte da ponte rematará nun terraplén de pendente de 3H:2V, e na parte sur estará limitada por muros de formigón. Ademais, vaise instalar a nova sinalización vertical e horizontal necesaria.