Estás en:Novas

Inaugurado o Coworking Dixital Ccompostela da Cámara de Santiago, un novo centro da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

Ofrecerá un centro de traballo compartido para startups e servizos dixitais personalizados a máis de 350 empresas
Este centro ten un marcado carácter supramunicipal, abarcando un total de 32 concellos da provincia
Para o desenvolvemento do proxecto a Deputación comprometeu 37.789,50 euros

Inaugurado o Coworking Dixital Ccompostela da Cámara de Santiago, un novo centro da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

Esta mañá, José Ramón Rioboo, deputado da área de emprego da Deputación da Coruña, participou na inauguración do Coworking Dixital Ccompostela, iniciativa posta en marcha desde a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela. Durante a súa intervención por videoconferencia destacou a importancia de que este tipo de centros de traballo colaborativo estean especializados por sectores, xa que favorecen o xurdimento de sinerxias e o establecemento de colaboracións entre as distintas persoas usuarias.

O Coworking Dixital Ccompostela busca apoiar a transformación das pemes na súa dixitalización, como vía necesaria para reforzar a súa produtividade, a súa competitividade, o seu crecemento e a súa internacionalización e, en certos casos, incluso a súa supervivencia. Prevese que este centro impulse a dixitalización de máis de 350 empresas durante 2023 a través de servizos dixitais personalizados.
Para a súa posta en marcha, a Cámara de Santiago contou cun investimento de 300.000 euros, executados en dúas fases: a primeira realizada con fondos FEDER e a segunda, co apoio do INCYDE e da Deputación da Coruña, que comprometeu 188.947,52 euros, o 20% do custo total.

O evento foi inaugurado polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e María Pais Fajín, presidenta da Cámara, quen destacou que o CCompostela é un proxecto global, que porá a disposición de empresas e persoas emprendedoras un espazo coworking con equipamento tecnolóxico e programas específicos de acompañamento, incubación e aceleración de empresas, ademais de todos os servizos que a Rede Provincial de Coworking da Deputación oferta a todas as persoas usuarias.

As empresas que desenvolvan neste espazo os seus proxectos empresariais poderán participar en máis de 40 actividades programadas ao longo dos próximos meses, que se desenvolverán en Santiago, así como nos 32 municipios do sur da provincia da Coruña, xa que, como todos os centros da Rede, o coworking dixital Ccompostela ten un marcado carácter supramunicipal. O seu ámbito de actuación será o mesmo que o da Cámara de Comercio de Santiago, que comprende un total de 32 concellos da provincia: A Baña, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Outes, Padrón, Porto do Son, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Touro, Toques, Vedra e Vilasantar.

Durante a inauguración tamén tomaron a palabra Natalia Vázquez Poza, directora de proxectos FEDER da Fundación Incyde, o outro organismo cofinanciador do proxecto; Nuria Alonso Santamaría, directora en MOVE Estrella Galicia Dixital, que expuxo os novos modelos de negocio e as novas oportunidades que supón a transformación dixital; Fany Suárez Mansilla, subdirectora de investimentos e startups do Igape; e, para clausurar o evento, Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela, destacou a importancia deste tipo de espazos de traballo colaborativo, nos que se xeran sinerxias e se fomenta a innovación do tecido empresarial.
A posta en marcha do "Coworking Dixital Ccompostela" incidirá directamente no crecemento económico da zona, a través da especialización tecnolóxica nos sectores produtivos industriais, mediante a aplicación de tecnoloxías dixitais, todo iso baseado nun modelo innovador de transferencia de coñecemento.

Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

A Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, en continuo crecemento desde a súa posta en marcha en 2018, conta xa con 11 espazos adheridos que prestan servizos de fomento do emprendemento e asesoramento na creación de empresas con carácter supramunicipal e especializándose nos sectores estratéxicos de cada comarca.
Actualmente conforman a Rede o coworking Pazo de Arenaza en Oleiros, o centro de transformación Daquí Darredor en Brión, o LAB Barbanza en Boiro, o espazo A Proa en Ames, o centro de desenvolvemento comarcal de Moeche, o Green Coworking das Pontes, o centro de emprendemento A Estación de Vedra, o Coworking Dixital CCompostela de Santiago, o Coworking A Pobra, o coworking A Capela e o coworking do Fórum Carballo.

Máis información sobre a Rede na web redecoworking.pel.gal