Estás en:Novas

Formoso destaca o papel de Anmupesca para visibilizar o papel da muller no sector pesqueiro

O presidente reuniuse hoxe coas representantes da entidade, que valoran moi positivamente as melloras para mariscadoras, redeiras e outros colectivos que incorpora a Lei de Pesca Sostible

Formoso destaca o papel de Anmupesca para visibilizar o papel da muller no sector pesqueiro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá cun grupo de representantes da directiva da Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (Anmupesca), encabezada pola presidenta da entidade, Rita Míguez, coas que abordou a situación da muller do sector pesqueiro en Galicia.

Anmupesca engloba a 21 entidades e a máis de 10.000 mulleres vinculadas ao mundo do mar en todo o territorio nacional e ten entre os seus obxectivos visibilizar o papel da muller e a súa importante contribución ao sector da pesca, así como fomentar a igualdade neste ámbito.

As representantes de Anmupesca trasladaron ao presidente a súa satisfacción polas novidades incorporadas recentemente na Lei de Pesca Sostible, que permite adiantar a xubilación de profesionais do mar como as redeiras ou as mariscadoras de a pé, profesións duras e exercidas fundamentalmente por mulleres.

Na reunión abordouse a situación actual da muller no sector pesqueiro en Galicia e na provincia da Coruña e a posibilidade de que a Deputación analice esta situación e colabore de novo en actividades formativas e encamiñadas a fomentar o relevo xeracional no sector.

Formoso destacou "o papel fundamental que desenvolven as mulleres no sector do mar" e o traballo de Anmupesca para "darlle a visibilidade que merece". Tamén expresou a súa satisfacción polo logro da demanda do colectivo de reducir a idade de xubilación das profesións vinculadas ao mundo do mar.