Estás en:Novas

A Deputación da Coruña organiza, en colaboración coa Fundación da Escola de Relacións Laborais, o I encontro de entidades vinculadas á inmigración na provincia da Coruña

O encontro, celebrado na Escola Universitaria de Relacións Laborais, pretende servir como espazo de traballo común para todas as entidades públicas e sociais que prestan axuda á poboación estranxeira na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña organiza, en colaboración coa Fundación da Escola de Relacións Laborais, o I encontro de entidades vinculadas á inmigración na provincia da Coruña

A Deputación Provincial da Coruña vén prestando, dende hai máis dunha década, apoio aos axentes da cooperación galega, principalmente aos que teñen a súa sede ou delegación na provincia da Coruña.

Na actualidade, o noso país é un estado receptor de inmigrantes, situación fomentada polas guerras que azoutan dentro e fóra de Europa e as múltiples causas que obrigan as persoas a fuxir dos seus países de orixe. O número de estranxeiros en Galicia supera os 118.000 e, neste contexto, destaca a provincia da Coruña, como a primeira en poboación estranxeira, cun 39,20 %.

Resulta indispensable abordar o estudo dos cambios normativos en materia de adquisición da nacionalidade española, a normativa laboral, a homologación de títulos así como as dificultades da súa inserción laboral e poñer en valor a contratación da poboación estranxeira para as empresas. O adecuado asesoramento é un elemento clave para o éxito destes procedementos.

A Deputación da Coruña é consciente desta situación e contribúe a desenvolver os instrumentos necesarios para a correcta execución da atención ás persoas migrantes por parte da rede de asociacións e entidades non gubernamentais da provincia e que desenvolven a súa actividade co colectivo inmigrante.

Este I Encontro, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Escuela Universitaria de Relaciones Laborais, a través dos seus stands, talleres prácticos, mesas de traballo e tempo para networking, pretende por un lado, crear un espazo de traballo común e unha aproximación entre organizacións que prestan asesoramento e axuda no ámbito da inmigración na provincia da Coruña para que a dita poboación estranxeira e a poboación en xeral, poida coñecer directamente as entidades que prestan axuda e participar nos seminarios formativos que se programa.

Por outro lado, sensibilizar á sociedade en xeral e en particular os/as estudantes universitarios sobre o principio de interculturalidade, fomentando o respecto á diversidade e creando un espazo de coñecemento e reflexión sobre os dereitos e deberes da cidadanía que favoreza a inclusión das persoas inmigrantes e xerar unha conciencia social crítica e transformadora.

Neste I ENCONTRO tamén participará a Subdelegación do Goberno en Galicia, e entidades públicas e sociais con actividade na provincia da Coruña vinculadas á inmigración como:

• UAMI. Concello Emprendemento e Inserción
• ACCEM (entidade colaboradora na organización)
• SENVALOS
• FUNDACIÓN RONSEL
• SOS RACISMO
• FUNDACIÓN MUJERES
• CRUZ ROJA
• ECOS DO SUR
• MESTURA
• FUNDACIÓN JUAN SOÑADOR
• PADRE RUBINOS (Centro acollida inmigrantes)
• HOGAR BOA NOITE (Centro acollida inmigrantes)