Estás en:Novas

O pleno da Deputación da Coruña aproba a rehabilitación integral da Casa da Xuventude de Santiago e a primeira fase do tramo compostelán da Vía Verde

A rehabilitación da Casa da Xuventude suporá un investimento de 1,3 millóns, financiado nun 73% pola Deputación

O novo tramo compostelán consolida a aposta pola creación da maior Vía Verde de Galicia

O pleno da Deputación da Coruña aproba a rehabilitación integral da Casa da Xuventude de Santiago e a primeira fase do tramo compostelán da Vía Verde

A Deputación da Coruña celebrou hoxe unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobaron dous convenios co Concello de Santiago para o financiamento de dous importantes proxectos: a primeira fase das obras do tramo compostelán da Vía Verde Compostela- Tambre –Lengüelle e a rehabilitación integral da Casa da Xuventude, que acollerá servizos públicos municipais e provincias en pleno corazón da cidade, ademais dun coworking da Deputación.

O convenio sobre a Casa da Xuventude de Santiago foi aprobado con 16 votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, a abstención de Marea Atlántica e o voto en contra do Partido Popular. O acordo inclúe a cesión do inmoble á Deputación da Coruña e a completa adaptación deste para o seu uso como oficina da Deputación en Santiago, espazo de coworking provincial e área de usos municipais.

A Deputación convocará un concurso de ideas para acometer a rehabilitación integral do inmoble, buscando unha mellor integración na contorna, máis accesibilidade e eficiencia enerxética, así como adaptar o inmoble a novos usos e servizos que ofrecerá á cidadanía compostelá. Ademais da rehabilitación integral do inmoble, prevese tamén a remodelación da praza do Matadoiro, abríndoa ao parque de Belvís en coherencia co novo acceso ao parque previsto no planeamento vixente.

O custo da rehabilitación ascenderá en 1.346.000 euros, que será financiada nun 73% (986.600 €) pola Deputación e o 27% polo Concello de Santiago (360.000 €), segundo se estipula no convenio.

A Casa da Xuventude conta cunha superficie construída de 1.700 m2 distribuídos en planta baixa, dúas alturas e aproveitamento baixo cuberta.

A planta baixa acollerá os servizos de recadación da Deputación; o primeiro andar destinarase a crear un novo espazo de coworking que se integrará na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación e a outros usos provinciais no eido cultural, educativo e de servizos sociais ou relacionados coa formación de empregados públicos ou co desenvolvemento de iniciativas de reactivación e potenciación da actividade económica na comarca de Santiago. O segundo andar estará destinado a usos do Concello, para a prestación de servizos municipais á cidadanía.

Aproveitarase o auditorio existente e unha vez rehabilitado e acondicionado será un elemento de uso compartido entre Concello e Deputación e terá acceso dende todos os espazos comúns.

A colaboración entre ambas as dúas administracións facilitará aproveitar a situación privilexiada do inmoble en pleno casco histórico e potenciar o seu uso como centro de servizos á cidadanía.

Novo tramo da Vía Verde en Compostela

Por outra banda, aprobouse por unanimidade o convenio para o primeiro tramo da Vía Verde en Compostela, que irá desde  a Estación da Sionlla ata o PQ 2+200 terá un custo de 826.756,70 euros, dos que 527.969,23 euros serán achegados pola Deputación e 298.787,47 euros polo Concello de Santiago, segundo se estipula no convenio aprobado hoxe polo pleno provincial.

Queda pendente unha segunda fase do tramo compostelán, que irá desde o PQ 2+200 ata o PQ 10+200 onde conecta coa Vía Verde xa está en funcionamento, en Sigüeiro, e que suporá outros 800.000 euros de investimento, dos que 300.000 euros serán aportados pola PSTD Vía Verde, 250.000 euros pola Deputación da Coruña e 250.000 euros polo Concello de Santiago. Actualmente a Fundación Ferrocarriles Españoles está adaptando o proxecto, seguindo a mesma liña que nos restantes tramos.

En total, o tramo compostelán suporá un investimento de 1,6 millóns de euros e sumará 10 quilómetros á actual Vía Verde e que agora xa conecta os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso. Con esta nova actuación completará o seu treito ata Santiago de Compostela.

O presidente Valentín González Formoso destacou que se trata "da maior Vía Verde de Galicia". Na actualidade xa é a máis longa de Galicia, con 26 quilómetros, e con esta nova ampliación ata a capital galega chegará ata os 36 quilómetros", explicou .